quarta-feira, 2 de julho de 2008

Josua, Jessica, Jonathan, Joel, Jennifer, Jackelin

Coñezo persoas, novas case todas, que son galegas ou viven en Galiza e levan estes nomes. Cando a elas nos referimos, tamén se falamos galego, pronunciamos os seus nomes cun primeiro son que é palatal, cun [j] case sempre, tentando dalgún xeito reproducir a maneira inglesa de os pronunciar.

Josua é un neno de cinco anos, veciño de Pontevedra. El e a súa familia son inmigrantes sudamericanos e teñen como lingua familiar o castelán. Na familia e fóra da familia, ninguén lle chama ao meniño [xóswa] como esixiría a norma fonético-ortográfica da lingua castelá. Chámanlle [jóswa], pretendendo seguir a norma fonético-ortográfica da lingua inglesa. O máis curioso do conto é que, falando en galego, tamén lle chamamos todos [jóswa].

Na súa escola hai unha nena que se chama Iria e se apelida Janeiro. Pois... cousas veredes. Este apelido, en castelán ou en galego falando, todo o mundo o pronuncia segundo a norma castelá: [xanéiro]. Ben se ve. O inglés pode ser a norma do castelán e do galego en certos ámbitos da fala. Agora ben, o que non deixa de se cumprir é que o castelán é a norma da fonética e ortografía galegas. Por algo se decidiu un día infeliz eliminar do galego a ortografía etimolóxica no referente aos grafemas g, j, x. El sería para que non houbese colisión co castelán. E así logrouse que vocábulos galegos e só galegos como Gens, Sangenjo, Rajoi, Janeiro, Feijoo, Araújo e outros semellábeis se pronuncien como se fosen casteláns, mesmo por parte de galego falantes moi concienciados da súa opción lingüística. Razón abonda para que neles, indefectibelmente, o g e o j se realicen como velares, é dicir, "a la castellana".

En que quedamos? Esas palabras son ou non son parte do acervo onomástico da lingua galega? Sono! Entón, aínda podería entenderse que os casteláns, ou mesmo os galegos castelanófonos, as pronunciasen ao seu xeito. Peras o olmo non dá. Porén, é normal que, falándomos galego, todos, agás catro "raras aves", as pronunciemos realizando os j e g como velares? Se non é normal, por que sucede? Porque o galego non ten a norma no seu interior; tena no castelán ou para certas cousas, no inglés, e, cando isto sucede, é a través do castelán. O castelán perséguenos como unha negra sombra.

Regra: En galego non se escribe j nin ge, gi. Se apareceren estas grafías nun texto en galego, mírese ben a palabra en que ocorran. Esa palabra é inglesa? Pronúnciese á inglesa. Máis ben, á maneira castelá de realizar a grafía j nas palabras inglesas. Ex: Jessica [jésika], Jonathan [jónatan], Joel [joél], Jennifer [jénifer], Jackelin [jákelin]. Esa palabra non é inglesa ou, positivamente, é galega escrita coas grafías histórico-etimolóxicas? Pronúnciese "a la castellana", aínda que só sexa para que ben se vexa que o código da lingua galega lle é dependente e subsidiario. Ex: Feijoo [feixó], Janeiro [xanéiro], Araújo [araúxo], Gens [xéns], etc.

Sabia regra, si señor, e axeitadísima para que o galego se recupere e normalice!

Sexamos serios e rigorosos dunha vez. Estas palabras pertencen á onomástica galega e só a ela. E a onomástica é unha parte inalienábel da nosa lingua. Podemos emprestar esas voces a outras linguas, asemade coas persoas que as leven, e nelas pronúncienas os seus falantes como eles quixeren. Mais nós, en galego, necesitamos transcribilas con x para as realizarmos coa fonética debida? Pois logo, vai ser mellor que reneguemos definitivamente da nosa herdanza toda. Nese rumbo andamos.

quarta-feira, 25 de junho de 2008

O auga frío

O auga está frío, o aula aberto... Cada vez adoita ouvírense máis estas e semellábeis construcións. Aínda hai quen diga que non temos a norma no castelán? Pola norma lingüística castelá se guía, tamén ao se expresar en galego, a maioría dos falantes pertencentes á capa intermedia da comunidade lingüística galegófona, caracterizados por teren estudos medios ou mesmo superiores e, quizais debido a iso, por unha interiorización bastante fonda e pouco reflexiva da norma castelá media ou case vulgar. O peor do caso non está nisto, senón en que, por causa de condutas lingüísticas dese teor, a norma da lingua galega está mudando de vez. Curiosamente, o que en castelán comezou sendo un inmenso vulgarismo e por unha vulgarización das elites se converteu nun cambio lingüístico practicamente afianzado, ese mesmo fenómeno converteuse, grazas ao papanatismo dos galegos perante todo o que vén de fóra, en modelo e norma, malia ser tan alleo a ela, da fala na nosa propia lingua.

Nada ou case nada é dado facer aos que, coma a min, lles repugnan ou dan noxo esas construcións. Impóñense e acabouse. Xa nos pasou, nestas últimas décadas, perante o afianzamento de tal cambio en castelán. Desde os meus estudos primarios, que foron en castelán e sobre a lingua castelá como única lingua accesíbel e mesmo como a medida de todas as linguas, ata os meus estudos universitarios -que inclúen a licenciatura en filoloxía hispánica-, sempre me aprenderon que os nomes femininos que comezan por [a] tónico, constrúense co alomorfo el do artigo fem¡nino e que, porén, se comportan como femininos con todos os demais determinantes, modificadores e atributos. Polo que se dicía e escribía: el águila, el águila negra, una águila, aquella águila, el águila está muerta, las águilas, las águilas son rápidas... Pois agora xa non, ou a norma máis común xa permite, mesmo nos libros de texto el águila negro, un águila, aquel águila, el águila está muerto, los águilas, los águilas son rápidos... Así vos é. O cambio está cumprido. E non hai que admirarse moito de que a academia e os falantes de rexistro elevado o permitisen. Eles mesmos foron os actores do cambio xa antigo polo que a palabra arte se masculinizara en certas acepcións e sintagmas, e a partir de aí eles mesmos decidiron que o correcto e preceptivo era dicir arte nuevo, el arte gótico, etc.

Este, porén, non é o noso problema. El é que desde fóra do noso sistema e norma lingüísticos se está gobernando a nosa lingua porque nós mesmos non a coñecemos nin aprezamos na súa entidade e integridade propias. E, coma no caso castelán, o cambio é acollido nas capas medias sociais e lingüísticas, que por iso mesmo serán imitadas polos demais utentes ata que finalmente fiquen avergoñadas e vitandas as construcións de noso: a arte nova, a arte gótica, a auga fría, a aula magna...

sexta-feira, 20 de junho de 2008

Entre Deus e Dios

En pura ciencia lingüística, non hai maneira de negar que a palabra Dios forme parte do léxico da lingua galega. Igual ca a palabra silla e tantos outros castelanismos léxicos e morfolóxicos. Pertencen ao sistema, no que entraron e funcionan cabalmente e sen ningunha dificultade. Todo falante as entende e case todos son capaces de empregalas. A norma non só as admite, senón que as prefire. Á norma me refiro entendida desde unha óptica descritiva, aquela que rexe e é definida polos usos da comunidade lingüística. Non me refiro, claro está, á norma prescritiva, establecida desde fóra con pretensións "normativizadoras". Que, de por parte e por desventura, son a miúdo tan pouco eficaces.

No duplicado léxico Deus/Dios temos un caso semellábel ao de Galiza/Galicia, coas diferenzas de grao e tempo que cumpra sinalar. Desde o punto de vista da pura lingüística, as razóns polas que debamos preferir Galicia sobre Galiza non son mellores ca as que nos asisten para recomendar o emprego de Dios en vez de Deus. Por moito que nos matemos, o non largo resío de comunidade galego falante que bordea o xa extenso e próspero eido castelán falante, aqueloutra comunidade seguirá moito tempo dicindo "diolo queira", "ben sabe dios", "nindiós" e semellantes. Só uns cantos utentes, cando ergueitos a un rexistro elevado, ousarán se cadra substituír tales expresións polas súas versións normativas. Aplicando o criterio que a algúns tanto convence, o de preferir as variantes que configuran unha lingua demótica, a cuestión non ten volta de folla.

Está ben que nunha lingua haxa dúas palabras tan diferentes para un só referente, e por riba único e absoluto, como é ese ao que refiren os membros do duplicado léxico Deus/Dios? Por razóns que calo, non serei eu quen se apure a responder.

E ninguén me veña con obxeccións obvias e por iso superficiais. Que Dios é un castelanismo e Galicia non? O groso do caso é que Dios recubriu a forma de noso ata a facer desaparecer no sistema e na norma, coma no caso de Galicia contra Galiza. De por parte, non é certo que no triunfo da voz Galicia non influíse a norma castelá. Que nun caso intervén e no outro non a legalidade, pola que só a voz Galicia é oficial? Está ben. Pois..., tamén se pode cambiar a lei para a facer máis acaída á xustiza da recuperación e á realidade (histórica). Ou, ao contrario, pódese pedir á xerarquía da Igrexa galega que declare a forma Dios como a única canonicamente válida, co fin de que non se dea a suposta monstruosidade de nunha mesma lingua haber dous nomes para o referente absoluto sobre todo referente, para o ser maior que se pode pensar, como o definiu o santo Anselmo.

terça-feira, 17 de junho de 2008

Entre Galiza e Galicia

Dixeron que son ambas filoloxicamente lexítimas, confundindo coma os profanos filoloxía e lingüística histórica. Que queren dicir con iso da lexitimidade? Non que se poida usar calquera das dúas indistintamente e co mesmo dereito; senón, unicamente, que ambas son formas historicamente testemuñadas. Sobre isto, mellor fora que calasen. As formas que ofrecen os documentos medievais escritos en lingua galega, e aínda en castelán, son cando menos estas cinco: Galiza, Galizia, Galisia, Galliza e Gallizia. As cinco son, endalí, formas filoloxicamente lexítimas?

Na última revisión das normas ortográficas e morfolóxicas foron recoñecidas Galiza e Galicia. Esta segunda forma, que é a oficial e a única que as normas recoñecían ata hai pouco, provén daquelas medievais que manteñen -mellor, recuperan- o iode, adaptada máis tarde a súa ortografía consonte as reformas ortográficas polas que pasou a lingua castelá. Quere isto dicir que, na súa literalidade textual, a forma Galicia é moi serodia e non deriva do latinismo formal Gallecia, que aparece sobre todo en textos escritos en latín medieval.

Que sentido ten recoñecer nas normas ortográficas e morfolóxicas a posibilidade de elixir entre Galiza e Galicia para despois, na práctica, negarnos aos utentes a primeira opción en nome da regra creada para o caso: a de que a certos referentes nunha mesma lingua só lles pode corresponder unha única forma? Xa!, non se atreveron a tanto; só a aplican ao referente “país”. Por que vale só para este e non para outros referentes, como "Deus/Dios" ou "nai/mai/madre"? Non se diga que o vocábulo Dios non é galego? Ben sabe Dios que o é, coma ladrillo ou silla. Calquera empréstimo lingüístico, aínda que non nos praza, unha vez que entrou no sistema de chegada, pertence xa a el e nel constitúe un elemento do fenómeno universal da variación lingüística.

Quen se pronunciou ao nos desaconsellaren o uso efectivo da variante Galiza? A filoloxía? A legalidade vixente? Se cadra, unha sección do aparato ideolóxico de estado –diríase, adoptando un coñecido modelo de análise da realidade social. Ou téntase así de aplicar unha norma superior, aquela que establece como únicas formas toponímicas válidas as formas galegas? Entón, fosen consecuentes e decidisen que Galiza non é topónimo galego, senón –xa que castelán non– só portugués.

Se voltarmos á pura lingüística histórica, a forma Galiza leva todas as trazas de maior autenticidade. As formas con ela concorrentes parecen non ter máis explicación ca a de seren ultracorreccións gráficas, ao principio, e máis tarde adaptacións á fonética e morfoloxía castelás, influíntes no galego con forza abonda xa desde principios do século XIV. Se non, a ver quen me explica por que xa no latín galego do século XI a palabra derivada galiciense aparece grafada kalicense (“soldares kalicenses”), con notoria e avultada ultracorrección que, porén, non se aplica aínda á absorción do iode... Se este na palabra derivada foi absorbido, na primitiva con máis razón. Sen a influencia do castelán, a forma Galiza sería a única que se imporía. Pensen que o mesmo topónimo Cacabelos, o do Bierzo, aparece artificialmente grafado Cacavillos en dous documentos de 1410 relacionados co hospital de Santiago. Pois nin así se impuxo, malia ficar aquela vila fóra da Galicia moderna. Por azar sería que aquí a ideoloxía non viñese cubrir a realidade e falseala.

Xa ven a onde nos pode levar a ideoloxía. Ou, se de legalidade se tratar, como o dereito pode ser torto.

quinta-feira, 17 de abril de 2008

Solevar e outros compostos de levar

Podemos falar de compostos de levar cando nos referimos aos verbos elevar, enlevar, relevar e solevar; aínda que o proceso de composición se produciu xa no latín, polo menos en tres destas catro voces. No latín clásico achamos ELEVARE, RELEVARE e SUBLEVARE. Non se rexistra, que eu saiba, *INLEVARE ou *ILLEVARE. Poida que se crease no latín vulgar dalgunha rexión ou grupo social. Poida, mellor aínda, que fr. enlever se obtivese na idade media mediante a composición de en e lever, e o mesmo se pode supoñer para o portugués enlevar se non se tratase, como parecelle mellor, dun galicismo.

Hoxe en día, na lingua galega máis usual, tanto oral como escrita, só elevar é de uso frecuente. Emprégase moito menos relevar, e isto é só na escrita ou en rexistros orais elevados. Ben se comprenderá ese pouco uso, poisque ese verbo se entende comunmente como derivado de relevo, substantivo pertencente primariamente á linguaxe técnica da descrición xeográfica e das artes. Secundaria e figuradamente, é tamén adoitado noutros rexistros cultos da lingua co significado de 'importancia', 'saliencia'... Ten aínda relevar outra acepción, a de 'liberar dunha obriga', 'perdoar', 'aliviar a alguén'. É este sentido o que adopta cando se documenta no galego medieval. Anticipamos arriba que se entende comunmente relevar como derivado de relevo. Historicamente, sucedeu xustamente o contrario. O vocábulo relevo é un derivado regresivo de relevar, calcando o procedemento polo que o fr. relief deriva de relever. Despois, unha vez abonada polo uso a voz relevo, na conciencia dos seus utentes reinterprétase o verbo como derivado do substantivo.

Caso curioso é o da voz enlevar e dos seus derivados enlevación, enlevamento e enlevo; este, un verdadeiro derivado regresivo. Semella claro que entraron na lingua literaria galega de principios do século XX como empréstimos do portugués. Nesta lingua enlevar úsase só como sinónimo de extasiar. Os escritores galegos que o acollen, fano moitas veces sinónimo de elevar. Ven nel, seguramente, un bon recurso a prol do diferencialismo que pretenden verbo do castelán. Hoxe obsérvase certa renitencia perante o emprego destas voces, mesmo no seu senso normal en portugués. Semella seren preferidas a elas as súas sinónimas pertencentes ás familias de éxtase, encanto, gaiola, engado... Tamén adoita xa rexeitarse, usado neste sentido figurado, o verbo engadar, creación literaria recente a partir de engadar, 'atraer con cebo' en sentido propio; tende a ser considerado como un neoloxismo sobexo e pouco rendíbel. Sorte distinta lle coubo ao verbo engaiolar; mesmo na lingua oral e en situacións informais se utiliza con certa frecuencia e con alto rendemento expresivo. Merece fomentarse por iso e pola súa orixe popular. Supoño, verbo de enlevar e a súa familia, que a súa presenza no léxico portugués provén do fr. enlever e a súa familia -enlèvement, enlevage, enlevure... Atendendo á forma, cabe coidar que é así. Se atendermos ao significado, semella levarnos a pensar o contrario. Estas voces en portugués teñen un significado moi concreto e restritivo, o de 'elevación' en sentido espiritual. A familia fr. enlev- ofrece, pola contra, unha ampla polisemia, que vai desde 'erguer' (sinonimia con soulever) ata'tirar', 'levar consigo', 'roubar'. Porén, na acepción orixinaria de 'erguer', enlever úsase figuradamente como sinónimo de ravir. Deste uso figurado deberon de derivar os vocábulos galego-portugueses que presentan enlev-, como un calco para traducir construcións da lingua francesa onde o lexema refire ao estado anímico de ensoñación ou éxtase.

Finalmente, atendamos á voz solevar. Dos dicionarios galegos que consultei, en ningún aparece. Nos dicionarios portugueses prestáselle pouca atención, remítesenos á sinónima solevantar. O seu significado sería 'soerguer', 'erguer un pouco ou con dificultade'. A voz está testemuñada en castelán antigo; mais logo recuou perante o éxito do cultismo sublevar ata quedar arrombada no recuncho dos arcaísmos. En galego tivo que suceder algo semellante. Na lingua galega escrita nunca a achei, escribín aquí hai uns días. Na lingua galega oral, escoiteina máis dunha vez nos primeiros anos da miña vida. Usábaa miña nai e non certamente no sentido de 'erguer con dificultade", senón no de 'sublevar'. "Non te soleves", dicíame se lle parecía que eu tentaba de arrepoñerme contra o que ela decidía sobre min. Agora teño que dicir que nos escritos de Blanco Amor aparece ata dúas veces a voz solevar, segundo acabo de comprobar nunha consulta feita ao TILG (Tesouro Informatizado da Lingua Galega). Importa moito notar que Blanco Amor a emprega nun sentido -o de 'erguer', 'sobrepoñer','elevar moi alto'...- ben diferente dos que nos ofrecen os dicionarios portugueses ou os usos que lembro de miña nai.

Se lle albiscarmos algunha posibilidade de trunfo ao esforzo por recuperar eidos perdidos da lingua galega, velaquí unhas voces cuxo uso sería ben promover. Se non, a nosa lingua irase volvendo cada vez máis isomorfa coa castelá. En todo, por desventura. No tocante á semántica e ao léxico, como é o caso, tamén.

sábado, 12 de abril de 2008

Durmir e adormecer

Durmir e adormecer

Hai no sistema da lingua galega a posibilidade de expresar con dous verbos que, aínda contendo o mesmo lexema, son claramente distintos, a distinción semántica que se estabelece entre ‘estar a durmir’ e ‘quedarse a durmir’ ou ‘facer durmir’. Pódese afirmar, para o caso, que existe isomorfismo semántico e léxico entre o galego e o castelán; aínda que, como é sabido, esta lingua tende a expresar os tres significados co mesmo vocábulo, dormir, recorrendo, cando se quere marcar mellor a distinción, ás perífrases coas que definimos eses significados, ou, cando se trata do sentido incoativo, valéndose da pronominalización do verbo, dormirse.

Mediante a voz adormecer o galego resolveu, de maneira económica e eficaz, a expresión desas distincións semánticas. Niso semella ao francés, que dispón tamén de dúas voces, dormir e endormir. O fr. endormir significa ‘facer durmir’, como o gal. adormecer, usados en construcións transitivas. O gal. adormecer ten sentido incoativo nas intransitivas. O sentido incoativo adquíreo o fr. endormir ao que se pronominaliza, s’ endormir, e, redundantemente, ocorrendo en sintagmas intransitivos. O sistema permítelle ao castelán recorrer a adormecer, adormir, adormentar para connotar os semas de causación ou de incoación. Aínda así, por norma, como adiantabamos, tende a usar soamente a voz dormir, reforzada con verbos auxiliares ou cun pronome pseudorreflexivo. Por norma, como dicimos.

Por norma a nosa lingua ten menos tendencia a pronominalizar verbos, malia ser esta unha posibilidade do sistema. A razón está en que case non precisa acudir a tal recurso para marcar distincións semánticas que a voz ten xa de seu ou adquire no contexto sintagmático, como acontece no tocante a expresar a intransitividade. Poñamos por caso os verbos sentar, casar, cansar... e sobre todo verbos formados co sufixo –ecer, como adormecer, aborrecer, adoecer/devecer, quecer, esquecer... En galego o máis propio, se o contrario non for totalmente “anormal”, son secuencias como sentou na cadeira, casaron onte, cansou axiña, adormeceu coa calor, aborrecín no cinema, adoecía/devecía por ela, o día queceu moito, esqueceume a lección...

Acontece, porén, que, na lingua galega usual hoxe en día, a norma atinxente a estes trazos de seu estase a cambiar pola contraria. Por unha banda, constrúense como formalmente reflexivos, pronominais, os verbos sentar, casar, cansar... Pola outra, deixan mesmo de se usar verbos coma adormecer, aborrecer, quecer, esquecer, adoecer, devecer..., substituídos sen receo por durmir(se), aburrir, quentarse, olvidarse/esquecerse, etc. Todo moi coherente coa xa secular evolución da lingua galega cara a unha completa nivelación de diferenzas verbo da lingua de Castela, na que boa parte da comunidade galegofalante ve e ten a norma do seu falar, coma se o castelán fose a medida de todas as linguas.

domingo, 6 de abril de 2008

Beixar, baixar, erguer e a lingua litúrxica

Hai máis de cincuenta anos, sendo eu un cativo, na igrexa parroquial do lugar realizábase por Semana Santa un rito relixioso que, segundo as primeiras informacións orais que recibín, chamábase "baixa-la crus". Consistía en os frigueses pasaren e bicaren axionllados a cruz parroquial exposta nun almofadón pousado ao pé do impoñente monumento do xoves santo, mentres nos múltiples degraus deste ardían crepitantes ata a bóveda os cirios e as candeas.



No meu maxín suscitouse entón esta pregunta: como é que esa acción se pode chamar baixar a cruz?, de onde a baixamos ao lle darmos un bico? Miña nai non soubo darme outra resposta ca a de que sempre lle chamaran así; de seu pai e de súa avoa aprendera ela o nome. Pasarían quince ou vinte anos antes de que eu achase por min mesmo a resposta.



Na miña autodidacta introdución á literatura galega, cheguei a me familiarizar co lexema beix-, presente nos vocábulos beixo e beixar. Nunha curta viaxe por Portugal comprobei que os do país usaban estas palabras nos mesmos contextos e situacións en que nós usabamos bico e bicar. A partir de aí foi como comprendín. A denominación daquel rito, no teor en que se me transmitira, non era senón a deformación da denominación orixinaria beixar a cruz, ocorrida, por suposto, esa deformación no cruzamento con baixar había tempo, despois de perdido o uso de beixar noutros contextos. Se había moito ou non moito tempo que sucedera, non é doado suxerilo; aínda que sería máis ben longo, porque na fala local non se conservaba o lexema beix- en ningún outro uso, substituído totalmente por bic-. Hoxe en día aquel rito e o seu nome perdéronse, por desapareceren os que usaban o nome e porque o propio rito desapareceu cando hai máis de corenta anos se reformou a liturxia da Semana Santa. Desde entón, a cruz dáse a beixar ao pobo só no transcurso dos oficios litúrxicos do venres santo, xa non durante as vinte e catro horas que transcorren desde os oficios do xoves ata os do venres, período en que as igrexas permanecían case ininterrompidamente abertas para facilitar aos fregueses visitar o monumento e beixar a cruz.


O que máis nos interesa, porén, é o fenómeno de cambio lingüístico consistente na substitución dun lexema por outro ata a completa desaparición do primeiro, polo menos nun espazo xeográfico concreto.

Neste caso, a substitución acontece dentro do propio sistema da lingua, sen que haxa que supoñer ningunha interferencia do castelán, do tipo da que hoxe está a substituír bico/bicar por beso/besar. Sucedeu que de dous sinónimos, o máis novo, xurdido dunha operación metonímica -os beixos danse co bico, igual ca a bicada- e antes metafórica -ao conxunto dos dous beizos chámaselle bico, coma ao dos paxaros-, comeulle totalmente o terreo ao máis vello. O que hoxe acontece no paso de bico a beso é un caso ben diferente. Constitúe un elemento máis entre os moitos que forman parte do fenómeno global de substitución lingüística do galego polo castelán, nunha das dúas vertentes do mesmo, aquela pola que as formas galegas logo de resultaren estigmatizadas tenden a ser desprazadas polas castelás. A segunda vertente é a de paso dos utentes galegofalantes a castelanfalantes, en diversos degraus de conversión. Por entrambos camiños vaise indo asemade á substitución total, ata que do antigo galego fique soamente algún trazo que dentro duns séculos se poderá cualificar de substrato, froito das interferencias que da nosa lingua toma hoxe o castelán falado en Galicia. Ex.: "no seas parviño", "coge el niño en el colo"...

Contra estes cambios que atinxen á lingua de Galicia e áos seus usos, pouca forza van facer medidas coma as recentemente adoptadas por un terzo dos concellos do país, convidados polo de Redondela e co apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística. Non quero criticalas, todo o contrario. Tento de facer ver que só pode enxergárselles un mínimo de éxito se elas foren unhas entre moitas outras, máis fondas e radicais, tendentes á recuperación do corpus e dos usos que a lingua leva tempo perdendo. Se non, pouco se vai lograr con que as orquestras canten en galego un cuarto das cancións que interpreten nas verbenas, con que a misa solemne das festas se diga na nosa lingua e con que a banda de música ou os gaiteiros fagan que se ouza o himno galego ao erguer a Deus. A lingua que en tales situacións se usar pode ser perfectamente unha variedade que, no canto de o deter, reforce o proceso de substitución.

Acabo de usar, reparen, a expresión ao erguer a Deus. Era esta, ou mellor dito ao erguer a Dios, a que usaban miña nai e as súas veciñas para se referiren ao momento da misa en que o crego erguía ao alto a hostia despois de consagración. Sen descoñecer nin moito menos o verbo levantar, que tamén usaban para o mesmo caso, a forma erguer era a máis empregada en todos os contextos e situacións extralingüísticas. Outro exemplo. Se meus pais me convidaban a deixar de estar deitado entre as sabas, dirixíanse a min co imperativo érguete, e con erte, a forma sincopada, máis frecuentemente. Cincuenta anos despois, o sinónimo levantar estalle comendo o terreo a erguer. Un caso máis entre moitos outros polos que de dúas ou máis formas, ambas galegas, a máis semellante ou en todo igual á correspondente castelá é a que despraza a diferente. Tamén se dá o caso contrario en discurso diferencialistas; mais as solucións neles preconizadas levan case sempre as de perder.

A supervivencia e previa recuperación do galego non pasa pola súa conversión nunha lingua litúrxica. E se tal acontecer porque o estado de cousas non permite outra, consérvese tan sequera o máis igual a si mesma que se puider. Así, se cadra, poderá resucitar socialmente nun futuro afastado no porvir, cando por ventura se reproducir o que aconteceu no século pasado coa lingua hebrea, despois de vinte e tantos que pasara a durmir nos libros, sen ser falada nin cultivada literariamente. Ou o milagre será imposíbel, por non haber xa pobo merecente e capaz?