quarta-feira, 10 de novembro de 2010

nontedurmas.com

Unha voz pregoa no deserto –isto é, inutilmente– chamando a atención sobre a deturpación do sistema e a norma da lingua galega por parte dos que, ben intencionados e non igualmente ilustrados, tentan de usar e promover o uso da lingua propia deste país.

Nas vellas mensaxes que introducín neste blogue, quixen axir como un simple eco daquela voz. Neste senso, chamei a atención sobre graves fenómenos de invasión da norma castelá enriba da norma galega, e mesmo do sistema da lingua castelá sobre o sistema propio da nosa lingua. Máis graves son estes fenómenos cando proceden ou se producen a través de persoas que en principio tentan de conseguir o efecto contrario a aquel ao que de maneira efectiva conducen: o da perda de identidade da nosa lingua, o de a asolagaren con simples calcos da norma e o sistema casteláns en niveis tan importantes como o léxico, a semántica, a morfoloxía e a sintaxe.

Dos vicios, calcos, barbarismos e barbaridades xa denunciados neste blogue, non é preciso facer lembranza. Abonda con botarmos unha ollada aos títulos das mensaxes que nel se len aínda, ningunha delas eliminada desde o comezo.

Velaí, como exemplo, o espallamento da preposición hacia nos mesmos contextos distribucionais da homónima castelá, implicando a total proscrición das formas tradicionalmente galegas en tales contextos: contra, para e cara a, principalmente. E así xa ninguén ou case ninguén di: ”Move a mesa contra alá”, “Move a mesa para alá” ou “Move a mesa cara alá”; senón que se xeneralizou, entre os mesmos galego falantes de berce e conscientes promotores do uso da lingua galega, o emprego do calco léxico e morfosintáctico da construción castelá equivalente, emitindo secuencias deste teor: “Move a mesa hacia alá.”

Outro vicio é o da moción pronominal do verbo durmir e o emprego da voz resultante durmirse con senso incoativo, é dicir, no canto do verbo adormecer. Ben se sabe por que os mesmos que hai cincuenta anos nunca diciamos “A rapaza durmiuse” no canto de “A rapaza adormeceu”, desde hai unhas décadas só sabemos na práctica empregar a primeira desas expresións ou ben a sinónima “A rapaza quedouse durmida”, isto é, as que calcan os usos máis adoitados nas normas actuais do castelán. Acontece este fenómeno cunha ben curiosa e non menos grave consecuencia: a de non só cambiar a norma, senón tamén deixar moi magoado o sistema da lingua galega, sendo, como é, o sistema, o núcleo máis íntimo e de seu en cada lingua. Dentro de pouco se non agora xa, no referente ás diferenzas semánticas –e consecuentemente morfosintácticas das construcións derivadas– entre durmir, durmirse e adormecer serán dentro do sistema galego exactamente iguais ca no sistema castelán; pois non se esqueza que neste último tamén adormecer pode usarse co sentido incoativo de ‘quedar durmido’.

O título da entrada de hoxe vén ao caso de que recentemente deron os meus ollos co enderezo dun web que se fai chamar nontedurmas.com, ou quizais nontedurmas.org.

Por que non lle poñerían, pensaba eu, noteduermas.com? Coidarán que da outra forma promoven mellor o galego. Errados van, entón. Efectivamente, noteduermas.com non causa deterioro na lingua galega, simplemente a deixa a un lado; non a usa, mais non se mete con ela; pola contra, nontedurmas.com cáusalle dano, desfigúraa. O mesmo acontece con “Move a mesa hacia alá”, comparada con “Mueve la mesa hacia allá.”

Ben sei que algún mal pagador quererá desta denuncia tirar a conclusión práctica de que, xa que non sei usar ben o galego, expresareime de hoxe en diante só en castelán, polo menos nos usos formais da lingua. Ruín argumento e escusa. O que cómpre é ser honesto coa nosa lingua e o noso pobo. Usar a lingua é unha obriga e un honor. Usala ben é unha gloria. Para isto cómpre cultivarse, estudar, sermos serios, sermos bos, que demontre!

domingo, 8 de agosto de 2010

Estas dous últimas...

"Estas dous últimas foron as máis castigadas polo lume [...]."
A énfase é miña. A cita é textual.
Esta non chega aquí extraída dunha redacción escolar. Tómoa da noticia sobre un incendio de verán publicada o pasado día 6 de agosto por un xornal galego. Este xornal por riba gábase de facer periodismo en clave galeguista. Tan galeguista, ben se ve, que os seus redactores descoñecen que o numeral cardinal dous cambia segundo o xénero do substantivo ao que determina ou substitúe; polo que a forma feminina da palabra é dúas, nunca dous. O emprego de dous nesa distribución constitúe un puro e feísimo calco morfosintáctico do castelán.
Mais xa me vexo entrar no emprego dunha xiria metalingüística, ante a cal a ignorancia gramatical dalgún periodista se pode sentir tentada a pensar: "de que me fala este?" A louca, a ousada coma sempre, ignorancia!
Ignorancia que, coma adoito acontece, non se limita ao eido gramatical. Volvamos ao texto da noticia. Citemos o parágrafo ao que a cita anterior se refire anaforicamente:

"As parroquias de Moledo e Teoira, no concello pontevedrés de Marín, tiñan onte pola tarde cheiro a queimado. Aínda que o incendio que afectou á zona producírase o mércores cara ás 19.00 horas e os servizos de extinción tíñano controlado poucas horas despois, ao día seguinte o vento volveu avivar algúns focos que os efectivos de emerxencia da Xunta e do Seaga afanábanse en “apagar”, tal e como contaban algúns técnicos, moi preto da praia da poboación de Loira. Nese lugar, ata as catro da tarde aproximadamente, aínda estivo cargando auga un dos tres helicópteros que prestaron servizo ás parroquias afectadas, basicamente Loira, Ardán, Moledo e Teoira."

Intelligenti pauca! "Estas dous últimas" remite evidentemente a "Moledo e Teoira", referidas no primeiro parágrafo do texto dun xeito circular e pechado, nisto chapeau! Porén, agárrese ben o lector, o xornalista eleva por arte de maxia tres lugares ou aldeas á categoría de parroquias, permitíndose ademais subtraerlle o artigo ao topónimo A Teoira. O lector do xornal que descoñeza a zona, á vista da información que aí se lle dá, pensará que, entre as parroquias do concello de Marín, hai catro ás que afectou o incendio deses días, sendo os seus nomes Loira, Ardán, Moledo e Teoira. Que inmenso erro!
Só Ardán é parroquia. Moledo e A Teoira son aldeas ou lugares desa parroquia. En canto a Loira, é topónimo dun río, unha praia e un barrio da parroquia de Seixo, estremando con Ardán.

Concluíndo direi que me causou gran tristeza a constatación de ignorancia tan compacta, atinxente a eidos tan débiles como vitais da realidade galega: a súa morfosintaxe, a súa toponimia, o seu poboamento e ordenación do territorio. Unha enorme apisonadora castelanomorfa uniforma as mentes galegas facéndoas incapaces de concibir outra realidade do que aquela axeitada á cosmovisión dominante que se expresa por e na lingua de Castela. O galego que nos queda, a mesma realidade que esta lingua expresa, están a nos ser cambiadas de xeito témero e irrecuperábel. A onde imos chegar!

sexta-feira, 26 de fevereiro de 2010

Crónica dun asedio

Explicaba na anterior breve mensaxe a causa pola que detiven a publicación de artigos sobre os temas para cuxo tratamento encetara este blogue. A atención ás témeras manobras de ofensa á lingua galega, á súa propia existencia e pervivencia, ocúpabame a mente e o tempo libre. Estou cobizando a conquista do lecer e acougo precisos para volver ocuparme daqueloutras angueiras, moito máis prácidas. Espero que sexa máis ben cedo.

Hai un mes escribín, urxido polo consello de redacción da revista Encrucillada, unha crónica e toma de postura perante o asedio sufrido nos últimos meses pola lingua galega, obra paradoxalmente dos nosos gobernantes autonómicos, aínda que inspirada e alimentada desde instancias exteriores ben radicais e perigosas. O artigo acaba de aparecer impreso no número 166 da revista. Non sei se será accesíbel na web da mesma (http:/www.encrucillada.es). Polo si ou polo non, encóloo tamén neste blogue.

Asedio á lingua galega

Por Xesús Portas Ferro

Nubes negras de trebón

Vai para dous anos, no consello de redacción de Encrucillada decidiamos pedirlle a Agustín Fernández Paz un artigo sobre a situación social da lingua naquela altura. A nosa preocupación estaba non tanto en lle tomar o pulso ao proceso de normalización, como en calibrar canto podía estar incidindo nel a intensa oposición ao mesmo que entón arreciaba desde sectores e forzas diversas de fóra e do interior de Galicia.

Xa acontecera a publicación do malfadado “Manifiesto por la lengua común”. O Partido Popular de Galicia, por orde da dirección do PP español, mantiña e sostiña a súa inimizade contra a aplicación do decreto 124/2007 da Xunta, cando este apenas levaba un ano de vixencia e só timidamente se comezaba a pór en práctica. Importantes medios de comunicación erixidos en representantes da ideoloxía españolista máis conservadora denunciaban como unha invasión as pequenísimas e case simbólicas, litúrxicas,presenzas da lingua galega nalgúns ámbitos superstruturais da vida social galega. No mesmo interior de Galicia encetábase, por parte dunha asociación e de varios persoeiros, unha serie de enrabexadas campañas tendentes a levantar a poboación escontra o proceso de normalización lingüística, denunciando sen ningún receo a suposta “imposición do galego” e a proscrición do castelán.

Agustín Fernández Paz accedeu daquela á nosa encarga e agasallounos cun breve e clarificador artigo, Do pasado e do futuro, ou A lingua en Galicia, respondendo lucidamente ás circunstancias coxunturais. Baixo eses dous títulos se pode ler o artigo en Encrucillada, nº 161, xaneiro-febreiro de 2009, e mais, aínda hoxe, na web da revista. Apenas publicado o artigo, foi cando unha das máis belixerantes asociacións creadas neste país co obxecto de atacar a nosa lingua coa escusa da liberdade individual, montaba en Compostela unha minoritaria manifestación, aínda por riba avultada con persoal traído de alende o Padornelo. Ao mesmo tempo, o PP, en campaña electoral para as autonómicas, facía súa a causa desa asociación, a cuxa manifestación se sumara. E de alí a uns días, nas kalendas de marzo, gañaba as eleccións: alea jacta est! A sorte da desgraza.

Barullo e desgoberno

Logo fai un ano desde aquela. En todo este tempo, se algo fixeron o goberno autonómico e o seu presidente, foi enredar e embarullar o país coa súa teima de diminuír a presenza da nosa lingua na educación e na vida social galega. Seica lles parece inchada. Seica dana a lingua castelá e o dereito dos castelanfalantes a se desenvolveren con toda comodidade na súa lingua. O dereito dos castelanfalantes e a súa liberdade lingüística en perigo! Fai falta estar nas nubes! Nunca estivo ameazada nesta terra desde hai polo menos catro séculos, cando, sendo os castelanfalantes unha exigua minoría, conseguiron botar o galego de todos os usos formais na vida da nosa sociedade, nomeadamente da administración e da educación.

Porén o noso goberno teima que teima no seu empeño de cumprir unha promesa electoral e reinstaurar a liberdade. O exercicio da liberdade individual no referente á lingua do ensino ocorréuselles vehiculalo a partir da elección dos pais; isto esixiría, loxicamente, satisfacer as opcións de cadaquén, tamén as que resultasen minoritarias. Consecuencia rigorosa sería a segregación do alumnado, e chegaron a declarar que non a excluían como solución. Non se decataban da súa ilegalidade. Ademais resultaria economicamente custosísima. Por tanto, prevalecería a opción maioritariamente elixida. E como se respectará entón a liberdade dos que optaren pola minoritaria, foren moi poucos ou tantos coma o 49 %? Non contestan. Ou recorren ás regras do xogo democrático, relativizando así radicalmente o seu cacarexado principio da liberdade lingüística individual.

Outro atranco co que se atoparon foi que o Estatuto de autonomía e a Lei de Normalización Lingüística obrigan os poderes públicos a promoveren o uso da lingua propia de Galicia. Co que teñen difícil compracer os seus amigos e amigas, que reclaman poder elixir para os seus fillos estudaren só ou case só en lingua castelá; ou máis ben que se recoñeza de dereito o que está instaurado de feito en moitos centros educativos de primaria e secundaria, principalmente entre os de titularidade privada. O subterfuxio que se lles ocorreu foi o de explotar o recurso ao plurilingüismo. Por iso, xa na irrisoria consulta aos pais, no mes de xuño pasado, se lles preguntaba se querían que se impartisen materias escolares en inglés. E nas ditosas Bases ou “borrador”, parto dos montes que comezou a rebulir polo Nadal, cuantíficase mesmo e distribúese; o que reparte, ben reparte: 33 % para o inglés e o resto, a partes iguais entre galego e castelán. Porén aínda se mantén a pretensión de deixar decidir aos pais. Para que se todo está xa repartido?

Da incredulidade á mobilización

No corpo social, sacada unha minoría que as campañas mentireiras gañaran para a reivindicación da liberdade perante a suposta imposición, a primeira resposta maioritaria abalou entre o cauto silencio e a incredulidade. Uns non sabían o que pensar ou dicir. Outros non daban creto a semellantes ousadías. Só a parte moi consciente da grave situación da lingua galega se decatou axiña de que a ameaza ía en serio, e foi quen de prever a inmensa gravidade dos seus efectos. Desta parte xurdíu a loita, tanto a da razón e a palabra como a das mobilizacións. Entre estas, son salientábeis as tres grandes manifestacións celebradas en Compostela nos meses de maio, outubro e xaneiro. Tanto ou máis do que a elas, interesa referírmonos aquí aos pronunciamentos, artigos, opinións, manifestos e análises das Bases, en que se razoa contra a desventurada pretensión do goberno da Xunta. Toda unha inmensa palestra de datos, ideas e valores foi posta a trafegar, sen que polo que parece o noso goberno, insensíbel ante tanta riqueza e rigor, se amose atinxido. Só a ofuscación ideolóxica dá unha explicación a tal cegueira.

O principais erros que se lles afeou foron o de estaren provocando unha freita social e o de causaren enfrontamentos persoais e conflitos no seo dos grupos e institucións. Algún conflito houbo xa e moitos e máis graves se producirán se por desventura os proxectos do goberno foren adiante.Todo o proceso que conduciu á elaboración das Bases do futuro decreto xerou unha tensa confrontación política e social, na que se evidenciou que grande parte da sociedade galega non permitirá que se menosprece e infravalore a súa lingua. Témese, con abonda preocupación no ámbito educativo, que o conflito social se traslade ao interior del, provocando enfrontamentos e grave deterioramento da paz e relación de confianza mutua entre os diversos sectores e persoas da comunidade educativa, condicións imprescindíbeis para o desenvolvemento cabal da súa función.

Outra liña de razoamentos nucleouse arredor dos gravísimos retrocesos de competencia e uso da lingua galega que derivarían do plan proposto. Non cabe ningunha dúbida de que causaría unha severa involución no proceso de normalización da lingua galega. A súa aplicación faría imposíbel que a maioría dos alumnos chegue a ter unha aceptábel competencia comunicativa na lingua propia do país, agravándose así o déficit que xa existe na actualidade, segundo sinalan todos os estudos científicos, e que só é posíbel corrixir con medidas de discriminación positiva a prol do galego. Polo mesmo, desde calquera posicionamento rigoroso e non ideolóxico, vese necesario recuperar como principio de actuación o tratamento desigual das realidades desiguais e como inxusta a pretensión dun suposto trato igual aos desiguais, pois este sempre obra en prol do enfortecemento do máis forte e en maior debilitamento do máis débil. Importa, neste eido, non tanto a saúde das linguas en contacto canto o dereito dos seus utentes a desenvolveren a vida sen dificultades nin minoración social por causa da súa lingua predominante. Verbo disto, os galegofalantes son os grandes prexudicados. Somos de feito os únicos que con frecuencia nos vemos, de grao ou por forza, en situación de nos expresarmos e descodificarmos mensaxes en lingua castelá. Isto apenas lles acontece aos castelanfalantes de entre nós, que polo mesmo poden, sen mingua ningunha da súa dignidade e intereses, prescindir case por completo de usaren pasiva e activamente a lingua galega. E isto sucede no país dos galegos! Contra toda equidade. Con total falta de reciprocidade. Adiscriminación positiva para corrixir desigualdades históricas é lexítima: está solidamente asentada na lei e na xurisprudencia .

Incidiuse tamén na senrazón que supón asociar preconceptual e connotativamente o galego coa imposición, e o castelán, coa liberdade. É o que fixo a Xunta, seguindo nisto os inventores dunha inmensa mentira. Era o que nos faltaba, despois do noxo ou odio que xa a moitos galegos lles causa a nosa lingua mentres teñen a castelá por nobre e dignificante. Como valentemente fixo notar o CCG (Consello da Cultura Galega), nunca, nin antiga nin recentemente, se produciu nalgures imposición ningunha da lingua galega. Isto é así, digan o que dixeren do outro lado. Garantir o contacto da infancia cunha das linguas oficiais da sociedade para a que os meniños están sendo socializados, como se tentou de levar a cabo e nin case se encetou na Educación Infantil, iso tense como unha imposición! Só o noxo pola nosa lingua pode ser a causa de soster tal sensentido; se non for en virtude dunha ideoloxía nacionalista española resesísima e refugábel.

As institucións máis autorizadas, como a RAG (Real Academia Galega) e as tres universidades, cualificaron de ”inaceptable”, “inconsistente”, “irresponsable” e “insostible” o contido das Bases. A maiores da imposibilidade de o levar a cabo no referente ao terzo do inglés, este particular aspecto considérase unha provocación. Denúnciase que a consellería de Educación se lanzase alegremente a propor unha reforma incoherente, descoñecedora das máis elementais bases psicopedagóxicas, didácticas e sociolingüísticas. As universidades non entenden que non se contase con elas e cos seu departamentos especializados para informar ou opinar sobre a proposta. A proposta da Xunta ben merece esas cualificacións, por moito que lle doa ao seu presidente, quen uns días antes ousaba cualificar de “radicais” e “irracionais” as persoas e grupos que desaprobamos con razóns abondas as súas pobres e ben inxustas Bases.

As proclamas a prol da liberdade son puras falacias. Liberdade dos pais para elixiren a lingua do ensino. Liberdade do alumno para usar na aula e dirixirse ao profesorado na lingua que lle pete. Liberdade entendida simplemente como “real gana” e non como posibilidade de elixir con igual capacidade e avantaxes entre distintas opcións. Que pobre filosofía por paupérrima ideoloxía! Contra esta falacia vai ficando ben claro que só o coñecemento dunha lingua fundamenta e é condición inescusábel para ter a liberdade de usala. E logo a liberdade dos pais? Os pais non teñen ningún dereito, polo menos o Tribunal Constitucional negóullelo, a escoller a lingua do ensino dos seus fillos. De por parte, é froito dunha miraxe pretender que os pais galegos son quen de elixir con liberdade o ensino en lingua galega, sendo esta a cincenta da casa e a lingua oculta, invisíbel, minorada. Como sentencia a RAG, unha enquisa oficial e legal nunca debe formular preguntas de resposta condicionada.

Moitas outras razóns se barallaron, ben válidas case todas, que neste artigo de urxencia debemos deixar de referir. Aludirei á posíbel ilegalidade de varias pretensións das Bases, remarcadas por un grupo numeroso de xuristas e pola RAG. Apuntarei soamente o referente á inmersión lingüística aplicada ao galego, que é demonizada polas Basescando, como lles advirten desde a RAG e o CCG, se trata simplemente do método didáctico máis eficaz para a aprendizaxe das linguas. Mencionarei finalmente a incoherencia que supón o feito de o PP estar vindo a trasacordo dunha política lingüística que, mentida ou sentida, estivera promovendo ao longo das dúas últimas décadas e á que en 2004 tentou que se lle dese un novo e decidido impulso, ao se aprobar por unanimidade do Parlamento Galego o PXNL (Plan Xeral de Normalización da Lingua). Desde este punto de vista, esíxeselle ao goberno a volta ao consenso que só eles romperon, non os outros partidos nin a sociedade.

O quid da cuestión

Despois destes acontecementos, non se sabe moi ben a onde imos chegar. Podemos esperar o peor, vista a teimosía dos gobernantes. Cabe esperar un certo tempero da persecución, sobre todo se pensarmos que algún efecto han ter a razón e a protesta. Porén o problema seguirá aí, vivo e irresoluto. O grande problema da lingua reside, máis do que no goberno, na propia sociedade. Mentres nesta non xurdir un forte movemento de recuperación e dignificación da súa lingua propia, pouco haberá que facer. A situación é ben coñecida. A RAG expona moi ben deste xeito:

“A lingua galega, é dicir, os falantes de lingua galega, non precisan documentar a súa marxinación histórica: é ben coñecida non só por séculos de emigración dun país non pobre ou pola forma en que a figura do galego é remedada na literatura en castelán, senón pola baixa autoestima con que moitos galegos miran hoxe aquilo que máis os define, que é a lingua, prexuízo que lles impide exercer o seu dereito a usala. Chega con ver a desvantaxe que sofre hoxe nas relacións sociais non pouca xente galega que pretende empregar o galego con normalidade en todos os eidos da súa vida. Chega con comparar a oferta que hai hoxe en galego e en castelán na TV, na radio, nos cines, en xornais, en misas, nas aulas universitarias, na publicidade, no comercio, na banca, etc. Esta é unha sociedade na que conviven dúas linguas pero de xeito asimétrico; hai unha lingua propia que ten que loitar día por día para non perde-lo seu terreo e hai outra que goza de inmensas regalías e todo lle vén á man.”

Vinte e cinco anos de actividade normalizadora, por certo nunca tomada moi en serio, apenas produciron melloras nunha situación que ten séculos de vixencia. Dúas dinámicas e outra media seguiron empeorando, na gran masa social, a situación de que se partía no momento de se encetar o proceso normalizador. A primeira desas dinámicas consiste en que se seguiu espallando a difusión do castelán desde os núcleos urbanos para os barrios e as zonas rurais. Esta bóla de neve nunca deixou de rebolar e engrosar. Esta mancha de aceite non cesou de escorrer. A segunda dinámica ten que ver co traslado da poboación rural ás áreas urbanas, resultando nestas asimilada con facilidade aos usos, tamén aos lingüísticos, da poboación receptora. E a terceira, a outra media que dicía, constitúea a poboación inmigrante. Boa parte desta é de orixe hispanoamericana. A restante intégrase na comunidade e usos lingüísticos predominantes.

A todo isto semella que, con maior ou menor influencia da ideoloxía, un certo sector duro de habitantes da Galicia urbana –adoitan evitar chamárense galegos- que teñen o castelán como única lingua de instalación e relación desde varias xeracións, decidiron opoñerse decididamente aos progresos da presenza social da outra lingua nos ámbitos en que estaban afeitos a topar só coa súa. Esta é a verdade. Sería parvo non querer vela. A outra verdade do barqueiro é que o PP está con eles. Deica agora aqueles exerceron máis ben unha desobediencia medio disimulada, unha xorda renitencia perante as medidas normalizadoras e unha raposeira ignorancia da cultura de expresión galegófona, da que non sentían necesidade. De por parte, a cultura popular e de masas seguiuse desenvolvendo totalmente en castelán, con se cadra unhas pequenas pencas da produción cultural autóctona. Esta, selecta e minoritaria,desenvolveuse maiormente en paralelo coa primeira, polo que poucas veces ocorreu encontro ou intersección dunha coa outra.

En moitos ámbitos, como ben nos lembra o parágrafo citado da análise da RAG, o proceso normalizador non callou. Tímidos intentos se produciron como moito, que aí morreron, sen progreso nin continuidade. O caso do ámbito eclesiástico é paradigmático. Ben veces se ouviu poñeren como escusa que o pobo o rexeitaba. É o mesmo que aduce agora o conselleiro de Educación: “ Ningún proxecto lingüístico podería ser realizado se a sociedade non o ampara”, seica declarou tras a manifestación do 21 de xaneiro. Ao tal dicir, refírese a que a presenza do galego no ensino non pode ser a que marca o decreto actual, porque a sociedade non o admite. En realidade, quen non o admite é ese núcleo monolingüe acérrimo e ideoloxizado do que naceu a ofensiva contra o galego, que asemade constitúe o nicho ecolóxico no que eses posicionamentos achan máis doada acollida e inzamento. O peor do caso é que están a gañar moito terreo. Non só no referente a que o goberno os secunda e segue, senón tamén en que conseguiron xa bastante recuamento das actividades en galego de persoas e institucións públicas. Aduzo dous casos entre moitos que hai por aí. A Deputación de Ourense acaba de publicar un libro sobre a gaita en catro idiomas, un deles o castelán; o galego non está. Caixanova viña editando un calendario mural en galego durante varios anos. O do ano 2009 publicouno nas cinco linguas oficiais da península ibérica, incluído o portugués, salientando polo tamaño das letras unhas veces o castelán –nos lemas das láminas– e outras, nos nomes dos meses, o galego. O do ano 2010 está integramente en castelán, incluído o santoral, engadindo só os nomes dos meses, con tamaño pequeno de letra, en galego, catalán e eusquera.

O que nos queda

O que nos queda por facer é moito. Ante todo hai que facer valer a razón e a verdade. A ofensa sufrida pode servir como revulsivo. Cómpre aproveitarmos a ocasión. Para que a razón e a verdade cheguen ao corpo social e á maioría das persoas, é preciso pór en marcha as accións e tácticas máis eficaces que se poida procurar. Teremos de resucitar a pedagoxía do oprimido. Cumprirá intervir socialmente como parteiras e axentes de concienciación. Haberá que facerse presente con esas bagaxes en todas as plataformas e ambientes a onde for posíbel acceder: asociacións, clubs, grupos de traballo. Haberá que crear outras: grupos de reflexión e acción a prol da lingua, aulas abertas de lingua e cultura galega, novas “irmandades da fala” para a situación actual. Teremos que nos mollar aí todos, baixándomos da nosa nube cultural de elite os que tendemos a vivir en torres ebúrneas. Como dixera Lorca un día, en tempos coma estes é preciso metérmonos na lama canda os que chapuzan nela en busca de azucenas.

Xesús Portas Ferro

licenciado en Filoloxía, mestre


segunda-feira, 25 de maio de 2009

Dando contas dun longo silencio

Aos visitantes antigos deste blogue quero explicarlles que non se debe a unha seca a falta de entradas miñas nel desde hai uns meses. O feito explícase porque o pouco tempo libre mo levan
as que fago noutra bitácora, http://breve-rias.blogspot.com/, onde trato de ir reaxindo ao día a día dos acontecementos e declaracións referentes á política lingüística e cultural que agora se quere realizar neste país.
Teño pendente unha chea de temas sobre os que escribir nas "Lerias"; porén vexo que, tamén porque requiren calma e tempo, déboos adiar polo de agora. Veremos se acouga un pouco a situación e nos deixa acougar tamén a nós. O da integridade e propiedade da nosa lingua é un obxectivo importante. Máis urxente é, con todo, evitar que se infira un dano irreversíbel á súa supervivencia como lingua, aínda que estea, como está, depauperada, minorizada e enferma a pobre.

sábado, 10 de janeiro de 2009

E dálle co "lle"!

Lembrarán os lectores, supoño, as miñas cismas e teimas do verán. Lembrarán que a maior parte delas tiña que ver co "lleísmo sintáctico", con esas construcións que moitos neogalegofalantes ben intencionados cometen ao calcaren outras castelás caracterizadas pola norma "leísta", que nin sequera é maioritaria no diasistema castelán. Calcan en dous sentidos, no de copiar ao calco a norma castelá e, de camiño, no de pisar duro cos pés a norma galega, que non admitiu nunca tal cousa ata onte á noite mesmo.

Hai catro ou cinco días, nunha revista quincenal escrita toda ela en galego líase un artigo sobre o laicismo e os símbolos relixiosos, no que se achaba esta secuencia textual: A min, ateo, non me ofende a imaxe dun Crucificado nunha aula colexial, por significar e recordarme unha vida coherente ata o extremo coa xustiza, a igualdade, a liberdade e o amor aos máis pobres; nin a min, crente, me ofende a imaxe dun Che na mesma aula, pois me sobrecolle a heroicidade da súa loita que lle levou ata dar a súa vida pola xustiza e a liberación dos máis pobres. Non me asusta o contido do texto, co que doadamente podería cadrar conforme despois dalgunha obxección ou diferenza. O susto vénme das construcións sintácticas antigalegas nel inseridas: que lle levou a dar a súa vida e mais pois me sobrecolle a heroicidade da súa loita. Debe advertirse que nos achamos ante un artigo traducido do castelán. Polo que xa se entenderá que o erro pode ser atribuído á máquina. Por propia experiencia, coido que as traducións de máquina non as debemos usar nin como borrador se non queremos ser infieis ao xenio da nosa lingua. E aínda ben se o tradutor for un bo lingüista! Se non, acontecen verdadeiros estragos; coma estes! Que traballo lle custaba ao corrector armarse de paciencia e corrixir a máquina con outros resultados? Tales serían, no caso das dúas témeras incorreccións referidas,"que o levou a dar a súa vida" e " pois sobrecólleme a heroicidade da súa loita" ou, moitísimo mellor, "pois asómbrame a heroicidade da súa loita", xa que non só hai que atender á sintaxe, cuxa desviación é a máis grave, senón tamén ao léxico, á súa vez aí calcado nos dous sentidos enriba explicados.

Aínda un non se repuxera ben daquel susto cando, lendo o suplemento cultural dun xornal, bate, no sentido máis ruín do termo, coa secuencia textual seguinte: Tempo era de que tendo o Eume un lugar no Parnaso [...] se lle situase tamén no mapa físico como o que lle dedica... Xa non me quero referir ao ben notorio anacoluto da construción, que é o de menos. Mais ese "Tempo era de que se lle situase no mapa", cando o lle substitúe a "o Eume", evidente obxecto directo da construción...! Vaites, vaites! Que como había que dicir, logo? O primeiro é non calcar construcións castelás. Porque as linguas non son isomorfas, en principio cando menos. O segundo é buscar no propio sistema. E entón aparecerían varias solucións, a falta dunha, que ben podería ser esta: Xa era hora de que, tendo o Eume un lugar no Parnaso [...], alguén o situase tamén no mapa físico como fai X cando lle dedica... Calquera solución é boa con tal de que non cause estragos na integridade da lingua que se quere promover e cultivar.

Xa que vén a conto, anotarei aínda dúas construcións "lleístas" coas que aí atrás topei noutra das miñas lecturas. Desta vez foi na tradución dunha novela de Paul Auster para o galego. Hai unha páxina onde achei: "A Rufus [...] víaselle algo arroutado". E unhas páxinas moito máis abaixo: "Aínda que a el se lle vía inquieto, ao non poder falar ata o día seguinte, non podía preguntarme nada". Lembrades o meu artigo do verán Véselle triste? Se vos non lembrades, lédeo aquí mesmo. Como tería, pois logo, que o tradutor ter escrito? Coma sempre, hai varias solucións válidas, non sendo esas, pasadas pola auga tépeda do castelán. Supoñamos : Rufus semellaba (estar) algo arroutado, ou a Rufus víanselle trazos de (estar) algo arroutado, ou Rufus tiña trazas de estar algo arroutado, etc. E no outro caso: Aínda que se amosaba inquieto..., ou Aínda que se vía que estaba inquieto..., ou Aínda que deixaba ver que estaba inquieto... Etcétera. É dicir, máis unha vez, calquera vale, que non supoña un calco esmagador.

No vicio que aquí salientamos, non caería nunca meu pai nin os que con el se criaron. Porén caeron nel, dos cultos escritores, os máis pintados. Andaba eu non hai moito relendo unhas páxinas de Escola de menciñeiros e fábula de varia xente, do grande mestre Álvaro Cunqueiro. Nunha das súas páxinas, no relato titulado "Vilarego de Rubal" onde se fala do defunto Ferrallo das Goás, que se fai ver so a figura dun "home envolto nunha grande capa branca", lese o seguinte: "O da capa branca non andaba, voaba. E donde máis se lle vía, en anoitecendo, era nas fincas que foran súas." Outras maneiras de dicir o mesmo, de feitío semántico e formal próximos, serían: E onde máis era visto [...], E onde máis se deixaba ver [...], ou mesmo E onde máis se vía [...], aínda con perigo de certa ambigüidade ou de pouca precisión. Este suposto defecto sería ben menos grave do que o vicio sinalado.

sábado, 27 de dezembro de 2008

Nunca digas "hacia"

Nunca, ao falares galego, digas "hacia". Se case sempre a evitamos na escrita, na fala outro tanto. A verdade é que nin na escrita se tivo sempre o coidado de a evitar. Relendo estes días Escola de menciñeiros e fábula de varia xente, do grande mestre Álvaro Cunqueiro, no relato titulado "Matías Vello", referindo a cando este imaxinativo cociñeiro estivera por longo tempo desaparecido da súa Pastoriza natal, escríbese: "Non sei quen contou que estaba de lego ou cociñeiro nun convento, hacia León; estaría de cociñeiro, que o era de mérito, e maxinativo".

Aquí, e noutras entradas que teño mentes de lle engadir, hanse peneirar razóns abondas para fuxirmos sempre do emprego desa preposición, por innecesaria, estraña á nosa lingua e, sobre todo, moi perigosa. Xunto coa forma "eres" e algún outro castelanismo, a preposición hacia é un premente ariete destrutor da identidade da lingua galega. Porén, case non hai quen na oralidade empregue outra. Aínda que dispomos de moitas preposicións e locucións prepositivas que poden moi ben substituíla en calquera dos múltiplos contextos posíbeis, porén é en todos eles, casemente, a única empregada pola maior parte dos falantes.

Non hai moitos días, ouvimos pola radio un treito das declaracións dun coñecido membro do consello da Xunta de Galicia, quen nun punto delas falou de "mirar hacia adiante". Uns días despois, estándomos uns docentes a tratar de non sei que, un de nós vai e di : "Cómpre mirar hacia o futuro". Onte, por casualidade, véndomos un informativo da TVG, tivemos a ocasión de escoitar un veciño de Leiloio dicir, referíndose ao rótulo Benvidos a Buño que alguén lles chantou no medio daquela vila, que o alcalde de Malpica, consciente do torto cometido, prometía que logo se trasladaría a onde debía estar,"cen metros hacia alá", onde Buño comeza. Cada vez que un escoita estes usos, xa logo se sente tentado a encartar e dar a causa por perdida. Mais, se moitos tomarmos conciencia cabal da perigosidade deses arietes que nos derruban muros e nos furan o chan que pisamos, cabe a posibilidade de axiña adoptarmos un proxecto eficaz de defensa da identidade, sistema e norma(s) tradicionais da lingua. Desde esta residual esperanza escribo este artigo.

Primeiro, vexamos o que no galego ten de estraño a preposición hacia. O seu étimo é un non documentado prerromance *de face ad. Áchanse no castelán medieval as formas intermedias faz a e fazia. Nin no galego, que eu saiba, nin no protorromance occidental hispánico aparecen sequera indicios dunha forma cognada. Se a houbese, teriamos faza como resultado evolutivo, e non unha forma cun h- aparecido tras a aspiración de F- e, máis tarde, a caída daquel son farínxeo. Se en portugués se emprega a expresión em face de, " perante", evidente semella que se trata dunha locución prepositiva de creación relativamente recente, formada a partir do substantivo face, "cada unha das dúas partes laterais do rostro humano". De por parte, esta locución portuguesa non se usa no sentido de dirección ou destino dun movemento, principal en hacia e nas súas homólogas doutras linguas.

Vexamos agora que o recurso á preposición hacia é en galego totalmente innecesario. Eu non teño conciencia de a empregar nunca na miña fala galega. Coido que ata os meus quince anos, cando deixei por vez primeira o meu ámbito natal, nunca a usaban os meus familiares, compañeiros e conveciños. Andando o tempo e sobre todo nos últimos anos, veño verificando con tristén que a empregan xa moitos dos que se criaron comigo. Onde se lles pegou, non o sei ou pouco importa agora tratar de o explicar. Importa ante todo vermos que o cambio non é aínda, por sorte, totalmente irreversíbel.

Haberá quince días sucederon estas dúas autocorreccións que paso a narrar. Dunha parte, era un coro polifónico disposto en catro liñas, que deseñaban unha figura semicircular. As dúas liñas dianteiras eran de mulleres. Na primeira delas, a metade da esquerda, formada polas sopranos, mantiña moi apretadas as contraltos, que ocupaban a metade da dereita. Entón unha das contraltos rogou ás sopranos: "Facede o favor de achegarvos un pouco hacia alá". Eu, que andaba xa cismando co noso tema, roguei coma quen non quere a cousa: "Non digades nunca hacia; é castelán". E a dona interpelada, de sesenta anos, corrixiuse no momento: "Facede o favor de corrervos para alá".

Uns días despois, outra dona da mesma idade describía a un dos seus fillos a ubicación da rúa Filgueira Valverde, en Pontevedra. "Sabes onde está a rúa Uxía Novoneira. A seguinte hacia a estación, esa é a rúa Filgueira Valverde". A min, que asistía á conversa con atención por me interesar a información que se subministraba, ocupado tamén coa miña teima, saíume espontaneamente o rogo: "Non digades nunca hacia; é castelán". E aquela nai autocorrixiuse no momento: "A seguinte contra a estación é a rúa Filgueira Valverde". Andando uns quince días, o fillo destoutra dona, licenciado universitario, galegofalante por educación e por opción, sorprendino empregando a preposición hacia cando falaba en galego con outro galegofalante, tamén universitario.

Debo dicir, de por parte, que fiquei entre satisfeito e gratamente sorprendido no tocante á capacidade das referidas donas para corrixiren no intre e sen máis pensar o seu emprego de hacia. Isto demostra que a partida non está perdida aínda. Ademais a súa resposta ao estímulo corrector seméllame ben interesante. Eu mantiña xa de antes o convencemento de que na fala da miña infancia eran as preposicións contra e para as que máis comunmente empregabamos nos contextos onde agora, por seguimento da norma castelá, moitos galegofalantes empregan hacia. Comentaba este meu parecer recentemente cun amigo vinte anos máis novo ca min, dotado de moi boas competencias lingüísticas no referente á norma prescritiva da lingua galega. No transcurso da conversa preguntoume: "E logo cara a?". "Esta locución -respondinlle- lembro que tamén a usabamos; aínda que menos do que aquelas, contra e para. E sobre todo coido que a empregabamos cun dobre sentido, de dirección do movemento e de orientación do móbil, asemade". Por iso, unicamente a empregabamos en referencia a persoas ou a obxectos percibidos como orientábeis. En todo caso, polo que me lembro, sempre ou case sempre era substituíbel por contra ou para. Poñamos por caso, a oración Vírao cara á esquerda -falando dun meniño ou dun obxecto orientábel- podía substituírse por Vírao contra -ou para- a esquerda. En cambio, a transformación inversa non era previsíbel tratándose dun obxecto dificilmente orientábel. De alguén que estivese a fender un cachopo de madeira, non se esperaría que lle dixese ao axudante: "Pono/Vírao cara á esquerda", senón: "Pono/Vírao contra a esquerda" ou "Pono/Vírao para a esquerda".

Voltarei proximamente, se teño vagar, sobre outros aspectos relacionados co noso tema. Entre tales aspectos, tentaremos de entender por que hacia, forma xa de noso por moito que nos doa, está tendo tanto éxito que escorrenta ou elimina as "sinónimas" tradicionais, e, vistas as cousas desde a nosa banda, por que estas outras se retiran ou son abandonadas por nós, os utentes. A comparación co que sucede verbo disto noutras linguas neolatinas, pode axudarnos a entender o que aconteceu, ou está a acontecer, na lingua galega e por iso, na medida en que o proceso non acadou o seu termo, pode aínda ter volta.

domingo, 21 de dezembro de 2008

Nunca digas "eres"

Nunca, ao falares galego, digas "eres". Nin o escribas. É un castelanismo innecesario. Verás axiña por que; se o non soubeses xa...

En latín tiñamos, no presente de indicativo, ES para a segunda persoa e EST para a terceira. Andando o tempo, aconteceu que o -T final se deixou de pronunciar. De resultas, ocorreu un fenómeno de sincretismo entre dúas unidades moi próximas, cun risco moi grande de ambigüidade e mesmo de incómoda confusión na praxe comunicativa. Había, coma sempre, varias posibilidades de escudir este risco, e as linguas resultantes da evolución diferenciada do latín resolveron de maneiras distintas tal situación problemática.

Reparemos na solución francesa. Na escrita, o francés mantén a forma gráfica latina: es e est, respectivamente. Na oralidade, que é o que máis importa e onde o risco de ambigüidade é maior, esas formas non ofrecen diferenza fonética ningunha. A ambigüidade resólvese, como tantas outras veces na conxugación francesa, mediante a anteposición dos pronomes persoais correspondentes, tu e il/elle, respectivamente; moi coherentemente, por certo, co xenio e o sistema desta lingua. Teñamos en conta que aime (je), aimes, aime (il/elle), aiment e aime (tu, imperativo) son formas que corresponden a nove unidades distintas en canto ao contido -inclúase o presente de subxuntivo- e, aínda así, todas elas se realizan cunha mesma materialización fonética. Só o pronome persoal que as precede ou segue, e mais o contexto sintáctico, as desambigúan, sen resíos de confusión, na fala oral; e na escrita, segundo os casos.

A solución do bloque galego-portugués foi outra. A caída do -T final latino fíxo confluír ambas persoas na forma es, realizada con "e" aberto para os dous valores. Como o galego non xeralizou o emprego das formas suxeito do pronome persoal ante as formas verbais, debeu botar man dun recurso diferente. Este consistiu en simplemente facer caer o -s final na terceira persoa do presente de indicativo do verbo ser; moi coherentemente, obsérvese aquí tamén, co xenio e o sistema da lingua. Efectivamente, na conxugación galega as formas da terceira persoa non rematan en -s, senón regularmente en vogal -a ou -e, e xustamente pola ausencia dese -s se distinguen formalmente da segunda persoa. Ou sexa -vamos aos exemplos-, é é a es como ama é a amas, quere é a queres, ve é a ves... En conclusión, o galego resolveu moi satisfactoriamente a problematicidade da colisión homonímica daquelas dúas formas da conxugación latina e, polo tanto, non ten necesidade ningunha de lle tomar emprestada ao castelán a súa particular e ben estraña solución.

O que fixo o castelán foi engordar o corpo fonético da forma es da segunda persoa e para iso botou man de eres, forma esta que no antigo se usara para a segunda persoa do futuro e que daquela ficaba libre porque o seu lugar estaba ocupado pola perífrase ser has, logo serás. Obsérvese que a solución castelá, aínda que non se lle poida negar lexitimidade, nin orixinalidade, é menos coherente do que as solucións francesa e galego-portuguesa. Supón unha dobre irregularidade: unha terceira persoa rematada en -s, contra o usual e adoitado no sistema, e a introdución dun estrañísimo novo morfema gramatical para a formalización do contido "segunda persoa do presente de indicativo".

Velaquí as razóns polas que nunca debes en galego dicir "eres". Xa sei que me podes obxectar que ata Rosalía o fixo, sobre todo nalgúns versos dun grande e emblemático poema:

Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.

Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila.
i eres o vento que zoa.

Si cantan, es ti que cantas;
si choran, es ti que choras;
i es o marmurio do río,
i es a noite i es a aurora.

En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.

Se contarmos as formas remarcadas con cursiva, acharemos para unha mesma unidade lingüística dúas formas gráficas e morfolóxicas: es, con sete ocorrencias, e eres, con dúas. Semella ben que Rosalía recorreu ao castelanismo por mor da medida e eufonía dos versos en que a introduciu. O resultado estético é bo; porén o sistema e a norma da lingua resultan magoados. Non a todos, está claro, se lles pode pedir todo. O poeta pode desviarse da norma sen dano para o produto estético.

Nota.- Observaranse no texto rosaliano outras incorreccións (segundo a norma prescritiva e tamén segundo a descritiva tradicional): "si" por "se" e "i" por "e", principalmente. A lingua de Rosalía amosa numerosos castelanismos, ben doados de explicar nunha muller de formación vilega e castelanófona, á parte dos xa presentes no galego oral que aprendeu ou ouviu sendo nova. Eses que enriba sinalamos, débense á primeira causa referida, non a esta segunda.