quarta-feira, 6 de julho de 2011

Evitemos a voz VERANIEGO

EVITEMOS A VOZ VERANIEGO

Non penso dicir onde, por non ferir. Foi nunha das poucas publicacións periódicas que aínda non morreron de morte inducida pola suspensión da respiración asistida desde o “goberniño galego”. Por certo que, con algunhas outras, elúdese nomeala nas recentes relacións que se adoita aducir das que resisten.

O caso é que, nada menos que na nota editorial do último número editado, referíndose á promoción da música galega, recomenda aos lectores a asistencia aos encontros veraniegos e aos festivais veraniegos, onde aquela se fai especialmente presente.

Polo Nadal colguei nesta bitácora unha notiña sobre as razóns para rexeitar o emprego do adxectivo navideño ao falarmos ou escribirmos en galego. Porque é un calco innecesario. Propuxen dúas solucións. Unha, empregar a frase preposicional equivalente, isto é, de Nadal. Outra, para quen o precisar, habilitar un adxectivo derivado do substantivo galego nadal mediante o sufixo –engo, de onde teriamos *nadalengo.

Que cómpre pensar e propor no tocante a veraniego? Aquí os camiños semellan máis expeditos, tanto que non acabo de entender como se puido caer na incorrección que denuncio.

Cabe a posibilidade da solución perifrástica, é dicir, recorrer á frase preposicional de verán ou do verán. Podemos estar seguros de que non se perde nada cando falamos de festas do verán en vez de festas “veraniegas”.

Unha solución alternativa é o recurso ao adxectivo sinónimo estival. Falaremos entón de festas estivais, encontros estivais, etcétera; quizais non tanto de “festivais estivais”, por mor de evitar cacofonías ou sospeitas de estarmos a enredar coas palabras. Non nos debe botar para atrás a connotación de rexistro elevado ou culto do vocábulo estival. Non é tan culto como poida parecer. E aínda que o fose! Voces procedentes de aestivu temos en galego estivo, estivada, estivadar…, todas referentes a labores realizadas no ou para o verán. Sen receo ningún debemos empregar estival en calquera rexistro e situación, antes de incorrermos no castelanismo flagrante de veraniego. E, onde non, do verán!

Aproveitando que estamos metidos no tema dos adxectivos referentes ás estacións do ano, vexamos cales son en lingua galega os correspondentes ás outras tres.

Relativos á primavera, dispomos do vocábulo popular primaveral e do culto verno. Este adoita non se recoller nos dicionarios, non entendo moi ben por que. Relativos ao outono, dispomos de outonal e outonizo, populares entrambos. Seguramente, a segunda voz ten certas connotacións negativas en comparación coa primeira. Por certo, non cabe un adxectivo *veranizo, nas mesma condicións? Podemos habilitalo se é que nalgures non existe ou existiu xa. E finalmente, referentes ao inverno, temos invernal e invernizo, como voces populares, e a culta hibernal. Tamén esta semella inusitada, e outra vez non entendo ben por que.

terça-feira, 14 de junho de 2011

Amoura e moído

Por veces, lector crítico das expresións en lingua galega, un leva sorpresas, sustos tremendos máis ben, dos que custa moitísimo repoñerse. Velaquí dous que me deixaron pampo.

Leo un poeta galego na extensa obra do cal non é fácil encontrar incorreccións lingüísticas. Estou repasando a súa poesía e contra o final dun fermoso poema atopo esta:

As mulleres cosían e cosían.
Unha vez atopeinas dentro dun tapiz,
inmóbiles, cos seus rostros de mazá,
cercadas polas ondas.
Era a miña mirada a que estaba aloulada.
Non era quen de velas saír:
Aló van cunha esfera do mundo,
feita de silveira,
pousada no moído da cabeza.
(Manuel Rivas, "O peso na cabeza", Do descoñecido ao descoñecido, Espiral Maior, 2003, p. 155)

Érache boa! E logo seica para levaren na cabeza un cesto ou outro peso áspero, as nosas nais e avoas puñan un moído? Non era máis ben un molido o que as nosas mulleres facían enrolando un pano en forma de rodela, que interpuñan entre a cabeza e a carga áspera que rexían, co fin de que a presión desta sobre o seu cranio non llelo magoase, isto é para amolecer o tacto da pel co obxecto carrexado? Ben claro está que o substantivo molido non ten nada que ver co verbo moer; pertence á familia léxica de mol "brando" e de amolecer. O mesmo que acontece co adxectivo molido, -a "frouxo, mol, brando"; lembro que se aplicaba ao peixe que vendían as peixeiras cando, ao collelo na man, se esgolaba contra abaixo ou pousaba con languidez.

O segundo susto que aos poucos días levei foi con ocasión da lectura dun poema que me prace moitísimo, este dunha escritora ben prezada e que reza así:

Veño dos sonos longos
nos cestos dos cómaros
agarimada dun can.
Veño das maus escravas
da terra do centeo.
Veño dunha paridura dolorosa
coa cara fosquella
do viño de amoura
e da sesta ao abrigo das sebes
machicando figos dos Vidás,
agarrada nun fungueiro alto
dun carro de alcacer,
arrastrada polos días felices,
espetada naquila terra,
como a folla seca ceibe
nas augas mansas.
(Medos Romero, Ámome en por min, Espiral Maior, 1999, p.45)

Érache boa! Pois non teñen nada que ver as "amoras" da moreira, nin a das silvas, coas "mouras". Trátase, coma no caso de "molido" con "moído", de simples parónimos. Eu tamén veño de sonos longos nos cómaros mentres os meus traballaban non tanto a terra do centeo coma a do millo. Tamén eu machiquei figos. E machicabamos "amoras" para facer "viño de amoras", non "viño de amouras".

Incórrese en hipercorreccións coma as sinaladas cando se foxe de vocábulos ou expresións que nos parecen pola súa forma castelanismos e non hai tal. O noso "molido" sería "mullido" en castelán, que tampouco pertence á familia do castelán molido.

segunda-feira, 14 de março de 2011

Máis leas cos pronomes


MÁIS LEAS COS PRONOMES

Debido á influencia do castelán, cuxa norma interiorizamos como superior á de calquera outra lingua para nós accesíbel, ultimamente a expresión en lingua galega está a padecer uns problemas moi graves no tocante á morfosintaxe pronominal.

Un deles, repetidamente ilustrado e denunciado nesta bitácora, é o do “lleísmo sintáctico”. Consiste en utilizar para o complemento directo as formas propias do complemento indirecto do pronome de terceira persoa, isto é, lle no canto de o, a e alomorfos (no, na; lo, la), e lles no canto de os, as e alomorfos (nos, nas; los, las).

Noutras páxinas deste blogue discutiuse abondo sobre tal fenómeno e sobre a súa enorme incongruencia, como calco vulgar que é dunha entre as varias normas castelás, aquela precisamente que máis difire da norma tradicional galega. Non é cousa de nos repetirmos, pois logo, senón de remitir os lectores a aquelas páxinas.

Aínda así, non está de máis aducir as novas perlas rotas que imos encontrando nas nosas lecturas cotiás. Un xornal dixital cólgalle a Antón Losada estas que velaquí:

Primeira: “O triunfo de Feijóo nas autonómicas obrígalle a buscar un resultado que é moi difícil que consiga [...]”

Segunda: “[…] quero dicir que na historia da democracia creo que nunca houbo ningún presidente que estivera sometido a unha campaña de desprestixio político e persoal como a que sufriu e sofre Zapatero. É por iso que hai veces que hai que defendelo, aínda que as medidas que está a tomar sexan máis ou menos discutibles. O único certo é que a este home dende o minuto un se lle cuestionou incluso persoalmente.”

Non fai falta sermos nin moi do pobo nin grandes gramáticos para corrixirmos sen dubidar a primeira así: “obrígao a buscar un resultado…”

A de corrixir a segunda non é empresa tan doada. Sei dunha persoa que leva escrito unha chea de libros en galego, coa que hai uns vinte anos tiven unha pequena discusión porque de vez en cando calcaba construcións castelás desta clase dándolle solucións coma así: “O único certo é que a este home dende o minuto un se o cuestionou incluso persoalmente.” Ti sentícheslle algunha vez a túa nai unha construción semellante?, preguntáballe eu. E el defendía a súa razón con plena seguridade. Porén nos seus escritos máis recentes, que eu llos lese, non achei tales faltas.

Coido que non o convencín, por máis que tentei de lle explicar que hai construcións típicas dunha lingua cuxo transvase calcado a outra crea auténticos barbarismos, porque en principio as linguas non son isomorfas, aínda que algunhas construcións e prácticas poidan facernos pensar o contrario, cando o certo é que o feito de presentaren construcións paralelas aparentemente isomorfas se explica por as respectivas linguas seren irmás ou por influencias entre os pobos e as culturas que por elas se expresan.

En conclusión, debemos evitar a tradución calcada de expresións castelás que conteñan as secuencias pronominais “se le”, “se les” cando estes le e les funcionan como complemento directo. Haberá entón que as substituír por expresións gramaticais totalmente diferentes onde se aplique o sistema e a norma tradicional galega. Tal sería, por exemplo: “O único certo é que este home dende o minuto un o cuestionaron incluso persoalmente.” Ou ben: “O único certo é que este home dende o minuto un foi cuestionado incluso persoalmente.”

Eu non sei se o entrevistado cometería realmente aquelas incorreccións, se non sería máis ben o periodista ao transcribir as súas respostas. Dubídoo un pouco porque me custa moito crer que cometese sobre todo estas outras, descoñecendo na práctica unha característica tan propia da lingua galega como o de ter unha forma de dativo (che) para o pronome de segunda persoa:

“[...] no momento no que te pechan a porta o que ti queres facer é saír pola fiestra, e se te pechan a fiestra intentarás saír por outro sitio...“

terça-feira, 1 de março de 2011

O do "lle" non ten remedio

Hai poucos días falaba eu cun amigo en referencia a un terceiro. Contábame aquel sobre os últimos tratos con este por mor dun asunto que aos tres nos interesa. Nun momento díxome: “Quedei en chamarlle o luns. Esperei e chameille para que non se esquecese.” Ninguén se estrañe, o vicio está tan metido no galego acastrapado que se usa, que xa mesmo resulta inútil pensar en que algún día se poida corrixir.

Velaquí a flor fea máis recente, que hoxe mesmo me cadrou atopar nun periódico dixital:

"A banda galega Siniestro Total publicou hoxe un escrito na súa web no cal anuncia a súa renuncia á nominación na categoría de Mellor Canción en Galego dos XV Premios da Música, por entender que non son merecedores de tal honra ao non desenvolver toda a súa carreira nesta lingua.

Segundo explican, o mesmo día que souberon que estaban nominados a este premio e a Mellor Disco de Rock, comunicaron á Academia da Música a renuncia á primeira delas, polo que solicitan a todos os que teñen dereito a voto que non lles voten no devandito apartado.

"Non" consideramos "que sexa xusto que nos outorguen o devandito premio. O feito de que só un tema en galego poida ser nomeado aos Premios da Música, entendemos que implica que aqueles grupos que apostan totalmente pola nosa lingua propia, sexan merecedores de tal premio e nós non o somos", formulan.

A banda asegura sentirse moi orgullosa destas dúas nominacións, e recordan que "é habitual" na súa carreira discográfica a realización dalgún tema en galego en case todos os seus álbums, "tan habitual que mesmo podería realizarse algún compilado só cos temas editados en galego".

Finalmente, agradecen aos que lles postularon para tal premio e tamén "sinceramente" a todos os que lles votaron, pero conclúen que, polos motivos sinalados, solicitan "ser descartados da elección entre os finalistas ao devandito premio de Mellor canción en Galego.

Definitivamente, non hai nada que lle facer! E se aínda fose só esta gralla! É das máis torpes e aparentes, sequera para os que nunca tal cousa oiramos ata o inmenso alude que sentimos enriba desde hai uns poucos decenios. É das máis torpes e rechamantes; porén de única ou aillada non ten nada. Forma masa e sistema cunha chea doutras semellábeis. E, velaquí a gravidade, todas xuntas excavan a identidade da lingua galega desde o fondo, desde os propios alicerces. Todo o edificio se pode derrubar a medio prazo por efecto destas tundas.


sexta-feira, 24 de dezembro de 2010

Nadalengo por navideño


NADALENGO por NAVIDEÑO

Véñolle dando voltas á proposta desde hai uns poucos anos. Esta vez pensei: “De hoxe non pasa!” O motivo? Que lle escoitei hoxe á mañá a un concelleiro do BNG de Pontevedra empregar o adxectivo castelán navideño como modificador de substantivos galegos patrimoniais. El facíao con total naturalidade! Nada estraño, en principio, para os afeitos a ouvir os nosos trasavós falaren un galego inzado de empréstimos casteláns. Non en van, a norma lingüística castelá popularmente dominante funciona tamén para bastantes galego falantes, desde hai moito tempo, como norma do recto falar en lingua galega. Nada estraño, de novo: falar castelán era falar fino, falar un galego asimilado ao castelán supuña corrixirse no sentido da finura.

No caso da voz navideño, coma noutros semellábeis, o adxectivo forma parte da familia léxica do substantivo Navidá, que en boa parte de Galicia substituíu hai tempo o patrimonial Nadal. Ambos vocábulos constitúen así un mínimo núcleo ou subsistema dentro do léxico da lingua popular. Moi difícil vai ser vermos realizada un día a súa erradicación da fala normal na poboación galegófona tradicional. Outra cousa é a lingua estándar, como embaixo se dirá.

O paradigma de “contacto de linguas-interferencia lingüística” e o de “plurilingüismo” intrínseco característico de certas sociedades humanas constitúen modelos interpretativos desde os que se busca explicar eses fenómenos: empréstimos, calcos, interferencias…, así se denominan comunmente. A min, se lles digo a verdade, no referente ao galego, pouco me convence ningún dos dous modelos. Chamarlle contacto de linguas á relación entre a galega e a castelá en Galicia, dous séculos para acá, seméllame desaxeitado; é un ridículo eufemismo, polo menos. Contacto habería nos dous ou tres séculos anteriores. Nos dous últimos produciuse máis ben o asolagamento e a asimilación. De cal por cal, non é preciso indicalo. De por parte, como consecuencia da referida asimilación, a realidade lingüística popular só moi a duras penas se presta a ser comprendida e denominada como “plurilingüismo” (bilingüismo sería neste caso).

Efectivamente, se unha lingua “x” desleixa as súas normas tradicionais en importantes eidos do léxico, a sintaxe, a fonética… susbtituíndoas por unha norma allea, propia dunha lingua “z” -a asimiladora-, que tempo lle resta aínda a “x” para poder ser considerada unha lingua, un diasistema de seu? Ningún ou moi pouco tempo! Enténdase que me refiro á lingua popular, a herdada por transmisión xeneracional, carregada cunha chea de castelanismos seculares atinxentes a todos os niveis do sistema. Non falo, pois logo, do galego en canto lingua histórica. Nin da súa variedade estándar, reconstituída no último século e pouco. Nin dos seus rexistros altos e coidados. A estas outras variedades tentarei de me referir a continuación, pois é nelas onde a miña cativa proposta tería cabida se nalgures ela couber.

Botarei por diante o meu convencemento de que o adxectivo do que tratamos, é un vocábulo escusado, é dicir, resulta sistematicamente innecesario. Xa sabemos que as linguas non son isomorfas. Por iso, o feito de que en castelán exista o vocábulo navideño, adxectivo anomalamente derivado de Navidad –e en catalán o adxectivo nadalenc, derivado de Nadal–, non significa pobreza ou debilidade nas linguas irmás que carecen dunha voz isomorfa. Coa frase preposicional de Noël e de Natal –e eventualmente con outras perífrases– amáñanse perfectamente o francés e o portugués, respectivamente, para expresaren o significado ‘referente ao Nadal’. A solución tradicional galega debeu de seguir ese mesmo procedemento.

Pois ben, semella que a moitos galego falantes tal procedemento non lles é abondo. Necesitan, por iso, un adxectivo enxebre que poren no lugar dos sintagmas lingüísticos ocupado pola voz navideño na súa fala galega acastrapada ou nas expresións castelás que lles son familiares e que tantas veces traducen ao se expresaren en galego. Para estas situacións e necesidades particulares fago a miña proposta. Propoño a creación e difusión dun derivado nadalengo, -a, recorrendo a unha posibilidade do sistema da nosa lingua, amosada pola presenza nela dos adxectivos abadengo, regalengo (patrimonial reguengo), avoengo, mullerengo e algún outro. Deste xeito, quen quixer falar de “poesías de tema navideño”, se non lle soa ben empregar nese sintagma a frase preposicional de Nadal, ben a pode substituír pola voz nadalengo. E así se expresará: “poesías de tema nadalengo”.

Podería alguén apor que isto é unha miudeza. Doulle a razón. Porén non deixan as miudezas de teren a súa importancia. A través de miudezas destas, en senso contrario, a lingua galega vai perdendo a súa identidade a pouco e pouco. Se non opuxermos resistencia a esta múltiple deriva, á volta de non moito tempo, mesmo supondo que aínda quede un residuo de comunidade galego falante, a lingua que esta falar estará tan dialectizada verbo do castelán que, se cadra, máis semellará ao bable –resto do antigo astur-leonés– do que ao galego dos séculos escuros. E, aínda que os froitos da nosa resistencia non se trasladen facilmente á lingua de todos os días –como sucede coa recuperación das voces Deus, igrexa, garfo, coitelo, etc.–, conseguiremos tan sequera formar un reduto de integridade lingüística á espera de tempos mellores, isto é, máis axeitados para a recuperación social e o espallamento do corpus e o sistema tradicionais.

quarta-feira, 10 de novembro de 2010

nontedurmas.com

Unha voz pregoa no deserto –isto é, inutilmente– chamando a atención sobre a deturpación do sistema e a norma da lingua galega por parte dos que, ben intencionados e non igualmente ilustrados, tentan de usar e promover o uso da lingua propia deste país.

Nas vellas mensaxes que introducín neste blogue, quixen axir como un simple eco daquela voz. Neste senso, chamei a atención sobre graves fenómenos de invasión da norma castelá enriba da norma galega, e mesmo do sistema da lingua castelá sobre o sistema propio da nosa lingua. Máis graves son estes fenómenos cando proceden ou se producen a través de persoas que en principio tentan de conseguir o efecto contrario a aquel ao que de maneira efectiva conducen: o da perda de identidade da nosa lingua, o de a asolagaren con simples calcos da norma e o sistema casteláns en niveis tan importantes como o léxico, a semántica, a morfoloxía e a sintaxe.

Dos vicios, calcos, barbarismos e barbaridades xa denunciados neste blogue, non é preciso facer lembranza. Abonda con botarmos unha ollada aos títulos das mensaxes que nel se len aínda, ningunha delas eliminada desde o comezo.

Velaí, como exemplo, o espallamento da preposición hacia nos mesmos contextos distribucionais da homónima castelá, implicando a total proscrición das formas tradicionalmente galegas en tales contextos: contra, para e cara a, principalmente. E así xa ninguén ou case ninguén di: ”Move a mesa contra alá”, “Move a mesa para alá” ou “Move a mesa cara alá”; senón que se xeneralizou, entre os mesmos galego falantes de berce e conscientes promotores do uso da lingua galega, o emprego do calco léxico e morfosintáctico da construción castelá equivalente, emitindo secuencias deste teor: “Move a mesa hacia alá.”

Outro vicio é o da moción pronominal do verbo durmir e o emprego da voz resultante durmirse con senso incoativo, é dicir, no canto do verbo adormecer. Ben se sabe por que os mesmos que hai cincuenta anos nunca diciamos “A rapaza durmiuse” no canto de “A rapaza adormeceu”, desde hai unhas décadas só sabemos na práctica empregar a primeira desas expresións ou ben a sinónima “A rapaza quedouse durmida”, isto é, as que calcan os usos máis adoitados nas normas actuais do castelán. Acontece este fenómeno cunha ben curiosa e non menos grave consecuencia: a de non só cambiar a norma, senón tamén deixar moi magoado o sistema da lingua galega, sendo, como é, o sistema, o núcleo máis íntimo e de seu en cada lingua. Dentro de pouco se non agora xa, no referente ás diferenzas semánticas –e consecuentemente morfosintácticas das construcións derivadas– entre durmir, durmirse e adormecer serán dentro do sistema galego exactamente iguais ca no sistema castelán; pois non se esqueza que neste último tamén adormecer pode usarse co sentido incoativo de ‘quedar durmido’.

O título da entrada de hoxe vén ao caso de que recentemente deron os meus ollos co enderezo dun web que se fai chamar nontedurmas.com, ou quizais nontedurmas.org.

Por que non lle poñerían, pensaba eu, noteduermas.com? Coidarán que da outra forma promoven mellor o galego. Errados van, entón. Efectivamente, noteduermas.com non causa deterioro na lingua galega, simplemente a deixa a un lado; non a usa, mais non se mete con ela; pola contra, nontedurmas.com cáusalle dano, desfigúraa. O mesmo acontece con “Move a mesa hacia alá”, comparada con “Mueve la mesa hacia allá.”

Ben sei que algún mal pagador quererá desta denuncia tirar a conclusión práctica de que, xa que non sei usar ben o galego, expresareime de hoxe en diante só en castelán, polo menos nos usos formais da lingua. Ruín argumento e escusa. O que cómpre é ser honesto coa nosa lingua e o noso pobo. Usar a lingua é unha obriga e un honor. Usala ben é unha gloria. Para isto cómpre cultivarse, estudar, sermos serios, sermos bos, que demontre!

domingo, 8 de agosto de 2010

Estas dous últimas...

"Estas dous últimas foron as máis castigadas polo lume [...]."
A énfase é miña. A cita é textual.
Esta non chega aquí extraída dunha redacción escolar. Tómoa da noticia sobre un incendio de verán publicada o pasado día 6 de agosto por un xornal galego. Este xornal por riba gábase de facer periodismo en clave galeguista. Tan galeguista, ben se ve, que os seus redactores descoñecen que o numeral cardinal dous cambia segundo o xénero do substantivo ao que determina ou substitúe; polo que a forma feminina da palabra é dúas, nunca dous. O emprego de dous nesa distribución constitúe un puro e feísimo calco morfosintáctico do castelán.
Mais xa me vexo entrar no emprego dunha xiria metalingüística, ante a cal a ignorancia gramatical dalgún periodista se pode sentir tentada a pensar: "de que me fala este?" A louca, a ousada coma sempre, ignorancia!
Ignorancia que, coma adoito acontece, non se limita ao eido gramatical. Volvamos ao texto da noticia. Citemos o parágrafo ao que a cita anterior se refire anaforicamente:

"As parroquias de Moledo e Teoira, no concello pontevedrés de Marín, tiñan onte pola tarde cheiro a queimado. Aínda que o incendio que afectou á zona producírase o mércores cara ás 19.00 horas e os servizos de extinción tíñano controlado poucas horas despois, ao día seguinte o vento volveu avivar algúns focos que os efectivos de emerxencia da Xunta e do Seaga afanábanse en “apagar”, tal e como contaban algúns técnicos, moi preto da praia da poboación de Loira. Nese lugar, ata as catro da tarde aproximadamente, aínda estivo cargando auga un dos tres helicópteros que prestaron servizo ás parroquias afectadas, basicamente Loira, Ardán, Moledo e Teoira."

Intelligenti pauca! "Estas dous últimas" remite evidentemente a "Moledo e Teoira", referidas no primeiro parágrafo do texto dun xeito circular e pechado, nisto chapeau! Porén, agárrese ben o lector, o xornalista eleva por arte de maxia tres lugares ou aldeas á categoría de parroquias, permitíndose ademais subtraerlle o artigo ao topónimo A Teoira. O lector do xornal que descoñeza a zona, á vista da información que aí se lle dá, pensará que, entre as parroquias do concello de Marín, hai catro ás que afectou o incendio deses días, sendo os seus nomes Loira, Ardán, Moledo e Teoira. Que inmenso erro!
Só Ardán é parroquia. Moledo e A Teoira son aldeas ou lugares desa parroquia. En canto a Loira, é topónimo dun río, unha praia e un barrio da parroquia de Seixo, estremando con Ardán.

Concluíndo direi que me causou gran tristeza a constatación de ignorancia tan compacta, atinxente a eidos tan débiles como vitais da realidade galega: a súa morfosintaxe, a súa toponimia, o seu poboamento e ordenación do territorio. Unha enorme apisonadora castelanomorfa uniforma as mentes galegas facéndoas incapaces de concibir outra realidade do que aquela axeitada á cosmovisión dominante que se expresa por e na lingua de Castela. O galego que nos queda, a mesma realidade que esta lingua expresa, están a nos ser cambiadas de xeito témero e irrecuperábel. A onde imos chegar!