segunda-feira, 24 de setembro de 2012
"Un pouco leite", non "un pouco de leite"
UN POUCO LEITE, NON UN POUCO DE LEITE
Ando desde hai unhas semanas a ler a produción dramática de Roberto Vidal Bolaño. Hai unha chea de trazos da súa escrita que merecen comentario crítico en moitos sentidos, non sempre negativos.
Un deses trazos, achado sen excepción nas sete ou oito pezas dramáticas que levo lidas, é a súa recorrencia á construción partitiva dependente do núcleo cuantificador un pouco no canto da máis característica e tradicional na norma do galego común, consistente estoutra en unir tal cuantificador ao substantivo coma a maioría dos determinantes, mesmo os indefinidos e entre estes os cuantificadores, é dicir, facéndoos concertar directamente co substantivo determinado por eles.
Dos galego falantes maternos que non se deixaron uniformar nisto pola norma castelá, apenas haberá quen diga ou escriba: "un pouco de leite", "un pouco de viño", "un pouco de auga", que é precisamente o que fai Vidal Bolaño. Nós dicimos e escribimos: "un pouco leite", "un pouco viño", "unha pouca auga". Así que parece que o noso dramaturgo neste caso, coma tantos neste e noutros, calca a construción hoxe en día normal na lingua orixinaria de Castela.
Sospeito, aínda que non o estudei abondo, que nalgún momento a devandita construción partitiva entrou no castelán desde unha lingua estraña, se cadra desde o francés, en cuxo sistema é totalmente coherente. Nesta lingua, ao lado de "(un) peu de lait", "(un) peu de vin" , "peu de temps", "peu de foi", etc, achamos analogamente "beaucoup de lait", "beaucoup de vin", "beaucoup de temps"," beaucoup de foi ", e mesmo "trop de patience", "trop de lumière", "trop de bruit".
Podemos observar, porén, que en castelán só induce a construción partitiva cando o cuantificador poco funciona como nominal e está determinado polo artigo indeterminado un. Nos demais casos segue unha norma coincidente coa do galego común tradicional, é dicir, o cuantificador funciona non como nominal, senón como determinante: "poco vino", "poca fe", fronte a "un poco de vino", "un poco de fe". En efecto, en galego, cando o artigo indeterminado precede a pouco, -a, tamén nesta distribución o artigo e o cuantificador funcionan como determinantes, nunca como determinante o primeiro e núcleo ou nominal o segundo. Así que a construción partitiva referida do castelán parece desentoar un pouco, pois é excepcional dentro do pequeno subsistema das frases nominais cuantificadoras. Por riba, semella que aínda non acabou de encaixar perfectamente no sistema. Vémolo nestas dúas solucións discordantes en senso contrario que teño oído, se non lido, de amigos casteláns (de Castela, da Mancha...): por unha banda, una poca fe en vez de un poco de fe, e pola contra, unas pocas de sardinas en vez de unas pocas sardinas.
Volvendo ao conto, o galego non interferido é perfectamente coherente. Así que diremos: moito leite, moita paciencia, moitos libros; demasiado leite, demasiada paciencia, demasiados libros: pouco leite, pouca paciencia, poucos libros; e por suposto tamén: un pouco leite, unha pouca paciencia, uns poucos libros... Pois logo, nunca neste subsistema recorre o galego á construción partitiva.
No caso do francés, pola contra, sempre se recorre a ela: beaucoup de lait, beacoup de patience, beaucoup de livres; trop de lait, trop de patience, trop de livres; peu de lait, peu de patience, peu de livres; e tamén, claro está: un peu de lait, un peu de patience, e mesmo ao parecer "un peu de livres" ("unha pequena cantidade de libros", "uns poucos libros", traducimos ao galego e, co mesmo isomorfismo, en castelán, pois tratándose de nomes de referente contable o castelán adoita evitar a construción partitiva). Concluíndo, en francés achamos neste subsistema un único procedemento, sempre partitivo.
O castelán, como enriba se dixo, compórtase case en todo coma o galego, coa única excepción referida e xa explicada. Excepción que debemos evitar canto poidamos ao falarmos e escribirmos en lingua galega. É un detalliño, unha miudez; de acordo. Porén é unha entre moitas miudeces. Unha palliña no palleiro? Porén, de moitas palliñas cativas que do sistema e norma casteláns vaian trasvasándose ao palleiro da lingua galega, acharemos máis cedo ca tarde que o palleiro resultante, aínda visto en eira galega, non sexa xa o palleiro da "lingua galega", senón un palleiro galego feito de pallas castelás. Que é o que moitos galegos veñen facendo nos últimos cinco séculos e ao que os vilegos seus herdeiros nos están a levar desde os media, desde a política, desde o seu poder.
Finalmente, non vos parece moi característico, moi noso ese trazo diferencial? O de dicirmos, un supoñer, "un pouco leite", "unha pouquiña auga"? Roberto Vidal Bolaño non se decatou do detalle ao escribir os seus dramas e comedias. Foi mágoa. Nisto non o imitemos.
sábado, 28 de julho de 2012
Sobre urnas e furnas
Onde se dá con toda seguridade a confusión de que falamos é neste fragmento dunha prosa poética de Chus Pato:
"(sala de baños da casa de saúde, un espazo baleiro)
un grupo de actores toman té
deléitanse coa feitura de féretro da bandexa; son as cunquiñas en semellanza a furnas e os panos sudarios"
(Charenton, Xerais, Vigo, 2004, p.84).
Non me cabe dúbida ningunha. Se teño que traducir este texto ao castelán, fareino de tal xeito que ao mesmo tempo que o traduzo, corrixo o texto, por exemplo en nota a rodapé. Coma así:
"(sala de baños de la casa de salud, un espacio vacío)
un grupo de actores toman té
se deleitan con la forma de féretro de la bandeja; son las tacitas semejantes a urnas y los paños, sudarios"
E en nota: "Referente ao texto en galego, onde se le "furnas" debería lerse "urnas", pois a primeira forma carece totalmente de sentido nese contexto".
Se a un lle pedisen consello, o meu sería este:
Corríxase o texto na próxima edición de Charenton, substitúase sen dubidar unha voz pola outra. En troques, nos poemas transcritos de Pimentel e, sobre todo, de Manuel Antonio, esta consideración é ao meu ver improcedente; aínda que con isto se supoña que non achamos neles operante a confusión entre furna e urna. A confusión, se a houber, coido que se produce na lectura -na decodificación de certos lectores- e non na escritura, isto é, na codificación da mensaxe.
quinta-feira, 23 de fevereiro de 2012
"No colo" e "em colo"
segunda-feira, 17 de outubro de 2011
Un concerto na menor
UN CONCERTO “NA MENOR”
Copio e encolo dun xornal dixital galego o texto da seguinte noticia:
“Este recital, enmarcado no 'Ciclo de concertos en catedrais galegas' programado pola Consellería de Cultura e Turismo, contará ademais co clarinetista Antonio Suárez que interpretará xunto á orquestra Gaos o 'Concerto para clarinete e orquestra na menor', tamén do xenio de Salzburgo.
“A Orquestra Gaos naceu en abril de 2009, formada por músicos de toda Galicia --na súa maior parte profesores e alumnos dos principais conservatorios galegos-- baixo a dirección de Fernando Briones.
“Nuns dous anos colaboraron coa orquestra 227 músicos galegos en 19 programas diferentes, a través de 30 concertos en diversos auditorios de Galicia.
“Así mesmo, este ciclo continuará o domingo, 16 de outubro, na Catedral de Mondoñedo ás 19.30 horas, tras o seu paso nos últimos días polas localidades de Tui, Ourense e Lugo.”
‘Misa de Réquiem en re menor’ (sic) e
‘Concerto para clarinete e orquestra na menor’ (sic).
Quedo pampo e estantío, sen ánimo sequera para botar as mans á cabeza e os meus ais e exclamacións ao aire, que serían de pasmo se da boca me desen saído.
Penso e pregunto sen palabras que sería o que aconteceu para isto se producir. Fago suposicións e trato de responder con sentido.
Sería unha tradución de máquina? Seguramente. Unha tradución sen corrixir? Poida que non; mais corrixida por unha persoa profana verbo do mundo da música. Unha tradución dun texto redactado orixinalmente, en que lingua? En castelán, con toda seguridade. E agora vén o colmo do meu pasmo, tanto que os que me ven neste estado, “xa todos prenden espanto”.
A causa do meu espanto vela aquí:
O xornal dixital de onde tomo a noticia, suponse que redacta os seus textos en galego, ou iso se deduce da súa oferta e presentación pública. Así que non creo que esta que nos ocupa, primeiro a escribisen en castelán e logo a pasasen pola máquina e a revisasen. Para que tanto traballo!
Non cabe máis ca unha explicación. A noticia foi redactada en castelán e así lle chegou ao xornal dixital, seguramente; ou na mesma orixe a traduciron maquinalmente, nunca mellor dito, e logo a mandaron.
Onde sería redactada a noticia? Suposición ben encamiñada: no organismo programador dese ciclo de concertos en catedrais. É dicir, na Consellería de Cultura e Turismo. Claro, onde ía ser!
Saio do meu pasmo, bórraseme o teso das faccións, xa ninguén de min prende espanto. Canxa todo, cadra tan ben…! Provén da mesma orixe de onde aquel famoso “Desván de los Monjes” de hai dous anos -lembren os lectores e as lectoras.
Ninguén se espante, pois logo, doutras tachas e eivas en que incorren os redactores dese texto, estoutras referentes á identificación e titulación correcta das obras interpretadas nos concertos.
A tales escritores, profanos no eido da música, quizais non lles haxa que pedir milagres. Porén un pouquiño máis coidado xa deberon ter posto, pobres. Vexamos cales son os títulos orixinais e máis usuais desas obras de W. A. Mozart, compostas en 1791, o derradeiro da súa vida:
Requiem in d-Moll (KV 626)
Konzert A-dur für Klarinette (KV 622).
Requiem en re menor
Concerto para clarinete en La maior.
Misa de Réquiem en re menor
Concerto para clarinete e orquestra na menor.
O que non ten escusa nin perdón é o título do concerto. Sobra o de “e orquestra”, pois nin pertence ao título nin se precisa; se non houbese orquestra, non se trataría dun “concerto”, senón doutra forma musical. Agora ben, iso de cambiarlle o modo á composición, chamándolle “menor” cando é “maior”! E o peor de todo, o colmo dos colmos da profanidade e da profanación faltaba aínda por vir: o de escribir “na menor” onde tiña que pór “en La maior”; ou, cometido o erro lingüístico e musical antecedente, “en la menor” polo menos.
Isto pasa en Galicia. Noutras partes, tamén?
domingo, 9 de outubro de 2011
A conxunción E MAIS
A CONXUNCIÓN E MAIS
Veño comprobando con certa inquedanza que nos textos galegos producidos nos últimos decenios a conxunción e mais se emprega pouco ou case nada. Refírome aos textos escritos e mais aos orais e entre os primeiros inclúo as traducións de obras doutras linguas, non só as de creación orixinal en lingua galega.
Ante tal fenómeno a miña reacción, aparte da mágoa que me dá, consiste en usar canto máis podo a forma por outros preterida, sempre que semántica e foneticamente, e ata musicalmente, me acae axeitada. É que eu aprendín a falar con ela como a conxunción coordinante máis usada, á custa de e e mais de pero. De por parte, coido que o uso deste nexo coordinante constitúe un trazo moi característico da lingua galega; por algo é tamén unha das formas que os galegos non fondamente asimilados polo sistema lingüístico castelán aínda conservan e calcan adoito ao se expresaren na lingua dominante, por ex.: “Vinieron mis padres y mas mis tíos”.
Á vista disto último precisamente, semella estraño que a locución e mais se estea deixando de empregar na fala e na escrita da nosa lingua. Certo é tamén que non hai que ver aí ningún paradoxo, e sobra, por iso, a admiración. Acontece esa evicción principalmente nos rexistros cultos da lingua e mais na fala en galego de persoas formadas cultural e lingüisticamente en castelán ou nun galego pasado pola forma e norma do castelán. Velaquí a causa e o contexto do fenómeno. Velaquí, de por parte, unha amosa máis da ruína do sistema, norma e identidade da lingua galega, esta grave doenza que un día a levará –se non a leva xa– á morte. O propio feito de que aínda moitos falantes de Galicia a calcan no seu castelán, supón máis un motivo para que a maioría dos falantes “cultivados” do galego a consideren como unha forma estigmatizada, e por iso vitanda, mesmo na lingua autóctona do país. Cousas da sociolingüística! E da perda colectiva da autoestima.
Propoño desde aquí iniciar un movemento de reivindicación e recuperación do emprego da conxunción e mais en todas as distribucións e con todos os valores e matices cos que por norma se usaba popularmente, ou aínda se usa en moitas partes. O seu valor principal é o de nexo coordinante aditivo, isto é, o de coordinar co senso de suma dúas –ou máis– unidades lingüísticas situadas sintacticamente no mesmo nivel funcional. Os seus diferentes matices son polo menos tres:
- De simple adición (conxunción copulativa):
a) Son coma o can e mais o gato.
b) Viñeron meus pais e mais viñeron despois meus tíos.
- De adición e mais un senso de restrición, obxección ou contraposición dos coordinados (conxunción adversativa):
a) Fala moito e mais fala ao caso.
b) Tamén eu estou canso e mais non me queixo.
- De adición á que se engade un senso de énfase (conxunción copulativa con certo valor adverbial):
a) Chove, e mais chove ben.
Unha observación de interese cómpre engadir. Se reparamos nos exemplos aducidos e noutros que o noso saber de falantes como lingüistas nos ofrecen, vemos que o sentido adversativo non é posíbel cando as unidades coordinadas son frases nominais (coma en: o can e mais o gato) ou calquera outras de nivel inferior á cláusula. Pola contra, se a conxunción e mais une cláusulas dentro dunha unidade lingüística superior, é entón cando se abre a posibilidade de expresar diferentes matices de sentido, nomeadamente o de contraposición ou restrición propio das chamadas conxuncións adversativas e concesivas. Nas linguas naturais estas diferenzas son moi pertinentes; aínda que nas linguas formalizadas non se toman en conta. Fixémonos, un supoñer, en como se formula na lóxica formal a conxunción das proposicións p e q seguintes.
p: Tamén eu estou canso.
q: Eu non me queixo.
p˄q: Tamén eu estou canso e mais non me queixo.
É dicir, a fórmula é exactamente a mesma (p˄q) que se o que na lingua natural se expresa, é a simple adición coma en:
p: Viñeron meus pais.
q: Viñeron despois meus tíos.
p˄q: Viñeron meus pais e mais viñeron despois meus tíos .
Abonde para hoxe cos anteriores apuntamentos. Outros me pracería facer algún día sobre o valor coordinante adversativo da conxunción que. É un trazo característico do galego popular que apenas aparece reflectido hoxe en día na escrita, nin sequera na literaria. Refírome a construcións coma: “Non chove, que neva”. Outro dos valores destoutro coordinante é o valor causal, tamén normal no castelán outrora.
Porén terá interese para alguén perder o tempo nestas cativezas?
quarta-feira, 6 de julho de 2011
Evitemos a voz VERANIEGO
EVITEMOS A VOZ VERANIEGO
Non penso dicir onde, por non ferir. Foi nunha das poucas publicacións periódicas que aínda non morreron de morte inducida pola suspensión da respiración asistida desde o “goberniño galego”. Por certo que, con algunhas outras, elúdese nomeala nas recentes relacións que se adoita aducir das que resisten.
O caso é que, nada menos que na nota editorial do último número editado, referíndose á promoción da música galega, recomenda aos lectores a asistencia aos encontros veraniegos e aos festivais veraniegos, onde aquela se fai especialmente presente.
Polo Nadal colguei nesta bitácora unha notiña sobre as razóns para rexeitar o emprego do adxectivo navideño ao falarmos ou escribirmos en galego. Porque é un calco innecesario. Propuxen dúas solucións. Unha, empregar a frase preposicional equivalente, isto é, de Nadal. Outra, para quen o precisar, habilitar un adxectivo derivado do substantivo galego nadal mediante o sufixo –engo, de onde teriamos *nadalengo.
Que cómpre pensar e propor no tocante a veraniego? Aquí os camiños semellan máis expeditos, tanto que non acabo de entender como se puido caer na incorrección que denuncio.
Cabe a posibilidade da solución perifrástica, é dicir, recorrer á frase preposicional de verán ou do verán. Podemos estar seguros de que non se perde nada cando falamos de festas do verán en vez de festas “veraniegas”.
Unha solución alternativa é o recurso ao adxectivo sinónimo estival. Falaremos entón de festas estivais, encontros estivais, etcétera; quizais non tanto de “festivais estivais”, por mor de evitar cacofonías ou sospeitas de estarmos a enredar coas palabras. Non nos debe botar para atrás a connotación de rexistro elevado ou culto do vocábulo estival. Non é tan culto como poida parecer. E aínda que o fose! Voces procedentes de aestivu temos en galego estivo, estivada, estivadar…, todas referentes a labores realizadas no ou para o verán. Sen receo ningún debemos empregar estival en calquera rexistro e situación, antes de incorrermos no castelanismo flagrante de veraniego. E, onde non, do verán!
Aproveitando que estamos metidos no tema dos adxectivos referentes ás estacións do ano, vexamos cales son en lingua galega os correspondentes ás outras tres.
Relativos á primavera, dispomos do vocábulo popular primaveral e do culto verno. Este adoita non se recoller nos dicionarios, non entendo moi ben por que. Relativos ao outono, dispomos de outonal e outonizo, populares entrambos. Seguramente, a segunda voz ten certas connotacións negativas en comparación coa primeira. Por certo, non cabe un adxectivo *veranizo, nas mesma condicións? Podemos habilitalo se é que nalgures non existe ou existiu xa. E finalmente, referentes ao inverno, temos invernal e invernizo, como voces populares, e a culta hibernal. Tamén esta semella inusitada, e outra vez non entendo ben por que.