sexta-feira, 24 de maio de 2013

Os máis maiores


Os máis maiores

Dunha nota que me chegou hoxe mesmo ao correo, extraio este enunciado:

"Pretende recoller tódolos rituais de sanación que seguen utilizándose na zona e tamén aqueles que se abandonaron hai tempo pero que aínda se conservan na memoria dos máis
maiores."

"Vellos" vs. "maiores"

Hai tempo que a palabra vello referida ás persoas, concretamente ás de moitos anos, se converteu nun tabú. A cousa comezou no castelán e de aí, entre nós, transvasouse ao galego. E isto veu consagrado polos usos oficiais. Ex: "Fogar das Persoas Maiores" ou, un pouco antes, "Fogar da Terceira Idade". O obxectivo era evitar de todas as maneiras o que se tiña como linguaxe politicamente incorrecta, na que se incorrería empregando denominacións máis conformes coa norma tradicional, ex.: "Fogar da Vellez". A cousa chegou a tal extremo, que mesmo os vellos -falo de individuos, maiormente mulleres, de sesenta e ata setenta anos- referíndose a persoas da súa mesma idade,  aplícanlles o apelativo de chico, -a. Por exemplo: "Non sabes aquela chica de Marín que vimos onte na praia cos seus netos?" E así, enunciados semellantes.

O irmán máis vello e o máis novo

Ou "o meu fillo máis vello e mais o máis novo". En galego tiña que ser así e nunca doutra maneira. E cando se castrapeaba, o que se podía esperar dos nosos avós era: "El hijo más viego y el más nuevo". Pero isto era sobexo, excesivo. Cumpría evitalo. Tabú! E o castelán , co seu suposto falar fino, ofreceunos a vía máis axeitada para o eufemismo: "el hijo mayor y el más pequeño", que calcado dá "o fillo maior e o máis pequeno".

E, así, tamén se perdeu un trazo fundamental da norma, case do sistema, da lingua galega. E da galego-portuguesa, por certo. Hai pouco andabamos un grupo de amigos polo Porto (non por *Oporto) e o guía que levabamos, referiuse a dous fillos dunha familia nobre da que nos falaba, traducindo ao castelán o seu portugués deste xeito: "el hermano más nuevo" e "el hermano más viejo". Así tería de ser no castelán galego dos nosos neofalantes casteláns se non fose pola corrección á contra obrada no seu galego ou máis ben no dos seus pais. Como isto siga así, pouco falta para que todos falemos segundo a norma castelá, xa dunha vez completa, sen a solución intermedia de calcar en galego as exprexións castelás correspondentes.

Mentres a solución final non chega, teremos que sufrir barbaridades tan grandes coma a que supón a construción os máis maiores. Como se puido chegar a isto, ten tan fácil explicación como dificil xustificación. Tocante á explicación, velaquí esta:
                          vello/maior::máis vello/máis maior
En consecuencia, se quero expresarme eufemisticamente para fuxir do tabú (ou incorrección política) que supón chamarlle "vello" a un vello, non poderei nunca dicir ou escribir "Os máis vellos do lugar", senón "Os máis maiores do lugar". (Xa o sei, xa. Os máis listos dirán "Os maiores do lugar". Pois isto é castelán, listiños! Puro calco! Non é galego, sabiádelo? Tal secuencia lingüística no galego popular de hai cen anos non tería sentido, senón nun contexto extralingüístico en que se estivese comparando polo tamaño uns obxectos con outros da mesma clase, preferentemente inanimados e seguramente non humanos.)

Deberemos pór mans á obra para cortarmos e invertermos esta deriva. Hai quen responda á nosa premente chamada? Se non é así, que se fai na RAG, no ILGA, en tantas partes e por parte de tantos? E de tantas, agora tamén.




Sem comentários: