terça-feira, 18 de março de 2008

Cousas e lerias da lingua

Durante anos, xa hai tempo, fun lector agradecido dos breves apuntes que o profesor Constantino García publicaba cada pouco nun xornal sobre cuestións curiosas referidas á lingua galega. Aquela sección no xornal tivo un título afortunado, o de "Cousas da lingua". Nel ecoaba o bo e prestixioso son das "Cousas" e "Cousas da vida" de Castelao.

A época en que Constantino García publicaba as súas "cousas" foi un tempo de boas expectativas verbo da sorte social da nosa lingua, aínda que a situación non fose tan boa. Hoxe pódese afirmar que, sendo a situación presente quizais algo mellor, as expectativas de futuro son peores. Nestas "lerias" sobre a lingua que hei encetar neste blog, ecoando asemade outra sección xornalística mantida por Vicente Risco nun xornal ourensán, o meu obxectivo é o de ir vertendo os meus pensamentos e preocupacións sobre o pasado, o presente e as expectativas de futuro da lingua galega.

Non me quero limitar a consignar puras curiosidades como, un supoñer, a dunha palabra que se perde ou só se conserva nun pequeno recuncho xeográfico ou social; a dunha evolución semántica popular estraña; a dunha construción ou lexía xeitosa e en recesión; etc. Haberá tamén que se referir ás grandes cuestións das que depende a supervivencia e a boa saúde social e literaria da nosa lingua. E, por iso mesmo, haberá que discorrer sobre a actual política lingüística, sobre a situación de conflito lingüístico especialmente avivado nos últimos tempos... Haberá que propoñer tamén tratamentos cos que poidamos superar a postración en que estamos os galegofalantes e a nosa lingua en Galicia, se os houber e lles virmos algunha efectividade de éxito.

Sem comentários: