terça-feira, 18 de março de 2008

Temos a norma no castelán

A lingua galega ten un futuro difícil. Un profesor de Física da Universidade de Santiago fixo recentemente un estudo no que, despois da aplicación dun modelo matemático á realidade presente, chega á conclusión de que nuns cen anos deixará de se falar. Non sei nin teño os coñecementos precisos para saber xulgar a validez dese estudo. O que sei, pola observación da evolución da lingua e do seu uso nos anos da miña vida e tamén polos meus estudos lingüísticos, é que a nosa lingua perde falantes e perde entidade.

Estas dúas perdas véñense producindo desde que o castelán se entremeteu e se foi erguendo como a lingua de prestixio entre os nosos devanceiros. Porén, viñan producíndose con certa lentitude, mesmo no decisivo século XX. Nas últimas tres décadas e hoxe mesmo, sen que se albisque aínda a seguridade de que a tendencia se deteña ou inverta, acontece que as devanditas perdas se producen a unha velocidade endemoniada.

Atraídos polo prestixio da lingua castelá e da xente que entre nós a fala, coma as avelaíñas atiradas pola lámpada da estancia, os utentes cambian de código. Uns fano de súpeto e, queimados polo seu afán castelanófilo, derreten nesa ardencia a secular galegofonía da súa estirpe.Velaí a primeira das perdas, a de utentes ou falantes. Pouco pode escontra desta deriva o feito de as novas xeracións seren capaces de ler e ata de escribir en galego, competencia que hai cincuenta anos tiñan poucos persoas en Galicia. Pouco ou nada pode esta competencia, pois a penas se exercita e sobre todo non se traduce a un comportamento coherente na oralidade.

Falemos agora da outra perda, a da entidade propia. Atraídos tamén polo prestixio da lingua castelá, para moitos que perseveran na galegofonía ou a tentan de recobrar logo de a abandonaren, as formas lingüísticas galegas diversas das formas castelás
vanse a pouco a pouco perdendo ao seren substituídas por outras que, aínda sendo tamén galegas, son xemelgas das castelás ou, moi adoito, son alleas ao xenio da lingua galega e simples calcos das formas castelás correspondentes. Este fenómeno prodúcese porque a norma pola que a comunidade galegofalante se deixa de feito guiar non está sempre no propio sistema, senón no sistema da lingua castelá. Quen, por exemplo, usa hoxe, maiormente na fala, construcións coma "vai calor" ou "hai vinte anos que..."? Se ben reparardes, veredes que se impuxeron "fai calor" e "fai vinte anos que..." As formas galegas quedaron de feito estigmatizadas e por iso son evitadas mesmo por utentes que saben delas. Moitos xa nin conscientes son do cambio; co que este está case decisivamente afianzado. Puxen só dous exemplos, que se poden multiplicar sen límite en todos os niveis da lingua: fonolóxico, semántico, morfolóxico, sintáctico, léxico e fraseolóxico.

Por eses dous camiños vaise á perda definitiva e, esperamos, paulatina da lingua galega. A moitos galegos non lles importa. A outros dóenos moito tan desgrazada perspectiva: é a lingua en que se expresou durante séculos o sangue dos devanceiros que levamos, e para moitos de nós foi a que co sangue herdamos deles.

Sem comentários: