Nunca, ao falares galego, digas "hacia". Se case sempre a evitamos na escrita, na fala outro tanto. A verdade é que nin na escrita se tivo sempre o coidado de a evitar. Relendo estes días Escola de menciñeiros e fábula de varia xente, do grande mestre Álvaro Cunqueiro, no relato titulado "Matías Vello", referindo a cando este imaxinativo cociñeiro estivera por longo tempo desaparecido da súa Pastoriza natal, escríbese: "Non sei quen contou que estaba de lego ou cociñeiro nun convento, hacia León; estaría de cociñeiro, que o era de mérito, e maxinativo".
Aquí, e noutras entradas que teño mentes de lle engadir, hanse peneirar razóns abondas para fuxirmos sempre do emprego desa preposición, por innecesaria, estraña á nosa lingua e, sobre todo, moi perigosa. Xunto coa forma "eres" e algún outro castelanismo, a preposición hacia é un premente ariete destrutor da identidade da lingua galega. Porén, case non hai quen na oralidade empregue outra. Aínda que dispomos de moitas preposicións e locucións prepositivas que poden moi ben substituíla en calquera dos múltiplos contextos posíbeis, porén é en todos eles, casemente, a única empregada pola maior parte dos falantes.
Non hai moitos días, ouvimos pola radio un treito das declaracións dun coñecido membro do consello da Xunta de Galicia, quen nun punto delas falou de "mirar hacia adiante". Uns días despois, estándomos uns docentes a tratar de non sei que, un de nós vai e di : "Cómpre mirar hacia o futuro". Onte, por casualidade, véndomos un informativo da TVG, tivemos a ocasión de escoitar un veciño de Leiloio dicir, referíndose ao rótulo Benvidos a Buño que alguén lles chantou no medio daquela vila, que o alcalde de Malpica, consciente do torto cometido, prometía que logo se trasladaría a onde debía estar,"cen metros hacia alá", onde Buño comeza. Cada vez que un escoita estes usos, xa logo se sente tentado a encartar e dar a causa por perdida. Mais, se moitos tomarmos conciencia cabal da perigosidade deses arietes que nos derruban muros e nos furan o chan que pisamos, cabe a posibilidade de axiña adoptarmos un proxecto eficaz de defensa da identidade, sistema e norma(s) tradicionais da lingua. Desde esta residual esperanza escribo este artigo.
Primeiro, vexamos o que no galego ten de estraño a preposición hacia. O seu étimo é un non documentado prerromance *de face ad. Áchanse no castelán medieval as formas intermedias faz a e fazia. Nin no galego, que eu saiba, nin no protorromance occidental hispánico aparecen sequera indicios dunha forma cognada. Se a houbese, teriamos faza como resultado evolutivo, e non unha forma cun h- aparecido tras a aspiración de F- e, máis tarde, a caída daquel son farínxeo. Se en portugués se emprega a expresión em face de, " perante", evidente semella que se trata dunha locución prepositiva de creación relativamente recente, formada a partir do substantivo face, "cada unha das dúas partes laterais do rostro humano". De por parte, esta locución portuguesa non se usa no sentido de dirección ou destino dun movemento, principal en hacia e nas súas homólogas doutras linguas.
Vexamos agora que o recurso á preposición hacia é en galego totalmente innecesario. Eu non teño conciencia de a empregar nunca na miña fala galega. Coido que ata os meus quince anos, cando deixei por vez primeira o meu ámbito natal, nunca a usaban os meus familiares, compañeiros e conveciños. Andando o tempo e sobre todo nos últimos anos, veño verificando con tristén que a empregan xa moitos dos que se criaron comigo. Onde se lles pegou, non o sei ou pouco importa agora tratar de o explicar. Importa ante todo vermos que o cambio non é aínda, por sorte, totalmente irreversíbel.
Haberá quince días sucederon estas dúas autocorreccións que paso a narrar. Dunha parte, era un coro polifónico disposto en catro liñas, que deseñaban unha figura semicircular. As dúas liñas dianteiras eran de mulleres. Na primeira delas, a metade da esquerda, formada polas sopranos, mantiña moi apretadas as contraltos, que ocupaban a metade da dereita. Entón unha das contraltos rogou ás sopranos: "Facede o favor de achegarvos un pouco hacia alá". Eu, que andaba xa cismando co noso tema, roguei coma quen non quere a cousa: "Non digades nunca hacia; é castelán". E a dona interpelada, de sesenta anos, corrixiuse no momento: "Facede o favor de corrervos para alá".
Uns días despois, outra dona da mesma idade describía a un dos seus fillos a ubicación da rúa Filgueira Valverde, en Pontevedra. "Sabes onde está a rúa Uxía Novoneira. A seguinte hacia a estación, esa é a rúa Filgueira Valverde". A min, que asistía á conversa con atención por me interesar a información que se subministraba, ocupado tamén coa miña teima, saíume espontaneamente o rogo: "Non digades nunca hacia; é castelán". E aquela nai autocorrixiuse no momento: "A seguinte contra a estación é a rúa Filgueira Valverde". Andando uns quince días, o fillo destoutra dona, licenciado universitario, galegofalante por educación e por opción, sorprendino empregando a preposición hacia cando falaba en galego con outro galegofalante, tamén universitario.
Debo dicir, de por parte, que fiquei entre satisfeito e gratamente sorprendido no tocante á capacidade das referidas donas para corrixiren no intre e sen máis pensar o seu emprego de hacia. Isto demostra que a partida non está perdida aínda. Ademais a súa resposta ao estímulo corrector seméllame ben interesante. Eu mantiña xa de antes o convencemento de que na fala da miña infancia eran as preposicións contra e para as que máis comunmente empregabamos nos contextos onde agora, por seguimento da norma castelá, moitos galegofalantes empregan hacia. Comentaba este meu parecer recentemente cun amigo vinte anos máis novo ca min, dotado de moi boas competencias lingüísticas no referente á norma prescritiva da lingua galega. No transcurso da conversa preguntoume: "E logo cara a?". "Esta locución -respondinlle- lembro que tamén a usabamos; aínda que menos do que aquelas, contra e para. E sobre todo coido que a empregabamos cun dobre sentido, de dirección do movemento e de orientación do móbil, asemade". Por iso, unicamente a empregabamos en referencia a persoas ou a obxectos percibidos como orientábeis. En todo caso, polo que me lembro, sempre ou case sempre era substituíbel por contra ou para. Poñamos por caso, a oración Vírao cara á esquerda -falando dun meniño ou dun obxecto orientábel- podía substituírse por Vírao contra -ou para- a esquerda. En cambio, a transformación inversa non era previsíbel tratándose dun obxecto dificilmente orientábel. De alguén que estivese a fender un cachopo de madeira, non se esperaría que lle dixese ao axudante: "Pono/Vírao cara á esquerda", senón: "Pono/Vírao contra a esquerda" ou "Pono/Vírao para a esquerda".
Voltarei proximamente, se teño vagar, sobre outros aspectos relacionados co noso tema. Entre tales aspectos, tentaremos de entender por que hacia, forma xa de noso por moito que nos doa, está tendo tanto éxito que escorrenta ou elimina as "sinónimas" tradicionais, e, vistas as cousas desde a nosa banda, por que estas outras se retiran ou son abandonadas por nós, os utentes. A comparación co que sucede verbo disto noutras linguas neolatinas, pode axudarnos a entender o que aconteceu, ou está a acontecer, na lingua galega e por iso, na medida en que o proceso non acadou o seu termo, pode aínda ter volta.
Sem comentários:
Enviar um comentário