segunda-feira, 24 de setembro de 2012

"Un pouco leite", non "un pouco de leite"


UN POUCO LEITE, NON UN POUCO DE LEITE

Ando desde hai unhas semanas a ler a produción dramática de Roberto Vidal Bolaño. Hai unha chea de trazos da súa escrita que merecen comentario crítico en moitos sentidos, non sempre negativos.

Un deses trazos, achado sen excepción nas sete ou oito pezas dramáticas que levo lidas, é a súa recorrencia á construción partitiva dependente do núcleo cuantificador un pouco no canto da máis característica e tradicional na norma do galego común, consistente estoutra en unir tal cuantificador ao substantivo coma a maioría dos determinantes, mesmo os indefinidos e entre estes os cuantificadores, é dicir, facéndoos concertar directamente co substantivo determinado por eles.

Dos galego falantes maternos que non se deixaron uniformar nisto pola norma castelá, apenas haberá quen diga ou escriba: "un pouco de leite", "un pouco de viño", "un pouco de auga", que é precisamente o que fai Vidal Bolaño. Nós dicimos e escribimos: "un pouco leite", "un pouco viño", "unha pouca auga". Así que parece que o noso dramaturgo neste caso, coma tantos neste e noutros, calca a construción hoxe en día normal na lingua  orixinaria de Castela.

Sospeito, aínda que non o estudei abondo, que nalgún momento a devandita construción partitiva entrou no castelán desde unha lingua estraña, se cadra desde o francés, en cuxo sistema é totalmente coherente. Nesta lingua, ao lado de "(un) peu de lait", "(un) peu de vin" , "peu de temps", "peu de foi",  etc, achamos analogamente "beaucoup de lait", "beaucoup de vin",  "beaucoup de temps"," beaucoup de foi ", e mesmo "trop de patience", "trop de lumière", "trop de bruit".

Podemos observar, porén, que en castelán só induce a construción partitiva cando o cuantificador poco funciona como nominal e está determinado polo artigo indeterminado un. Nos demais casos segue unha norma coincidente coa do galego común tradicional, é dicir, o cuantificador funciona non como nominal, senón como determinante: "poco vino", "poca fe", fronte a "un poco de vino", "un poco de fe". En efecto, en galego, cando o artigo indeterminado precede a pouco, -a, tamén nesta distribución o artigo e o cuantificador funcionan como determinantes, nunca como determinante o primeiro e núcleo ou nominal o segundo. Así que a construción partitiva referida do castelán parece desentoar un pouco, pois é excepcional dentro do pequeno subsistema das frases nominais cuantificadoras. Por riba, semella que aínda non acabou de encaixar perfectamente no sistema. Vémolo nestas dúas solucións discordantes en senso contrario que teño oído, se non lido, de amigos casteláns (de Castela, da Mancha...): por unha banda, una poca fe en vez de un poco de fe, e pola contra, unas pocas de sardinas en vez de unas pocas sardinas. 

Volvendo ao conto, o galego non interferido é perfectamente coherente. Así que diremos: moito leite, moita paciencia, moitos libros; demasiado leite, demasiada paciencia, demasiados libros: pouco leite, pouca paciencia, poucos libros; e por suposto tamén: un pouco leite, unha pouca paciencia, uns poucos libros... Pois logo, nunca  neste subsistema recorre o galego á construción partitiva.
No caso do francés, pola contra, sempre se recorre a ela: beaucoup de lait, beacoup de patience, beaucoup de livres; trop de lait, trop de patience, trop de livres; peu de lait, peu de patience, peu de livres; e tamén, claro está: un peu de lait, un peu de patience, e mesmo ao parecer "un peu de livres" ("unha pequena cantidade de libros", "uns poucos libros", traducimos ao galego e, co mesmo isomorfismo, en castelán, pois tratándose de nomes de referente contable o castelán adoita evitar a construción partitiva). Concluíndo, en francés achamos neste subsistema un único procedemento, sempre partitivo.

O castelán, como enriba se dixo, compórtase case en todo coma o galego, coa única excepción referida e xa explicada. Excepción que debemos evitar canto poidamos ao falarmos e escribirmos en lingua galega. É un detalliño, unha miudez; de acordo. Porén é unha entre moitas miudeces. Unha palliña no palleiro? Porén, de moitas palliñas cativas que do sistema e norma casteláns vaian trasvasándose ao palleiro da lingua galega, acharemos máis cedo ca tarde que o palleiro resultante, aínda visto en eira galega, non sexa xa o palleiro da "lingua galega", senón un palleiro galego feito de pallas castelás. Que é o que moitos galegos veñen facendo nos últimos cinco séculos e ao que os vilegos seus herdeiros nos están a levar desde os media, desde a política, desde o seu poder.

Finalmente, non vos parece moi característico, moi noso ese trazo diferencial? O de dicirmos, un supoñer,  "un pouco leite", "unha pouquiña auga"? Roberto Vidal Bolaño non se decatou do detalle ao escribir os seus dramas e comedias. Foi mágoa. Nisto non o imitemos.



sábado, 28 de julho de 2012

Sobre urnas e furnas

                Ofrezo aquí un anticipo dun estudo que penso traballar máis e mellor este verán. Se teño vagar.


SOBRE URNAS E FURNAS

Por Xesús Portas Ferro  

                Entre as palabras urna e furna non hai casemente máis semellanza do que a existente no plano do significante, esa posesión en común dunha secuencia de sons iguais na que consiste a figura chamada paronomasia. Falamos de dúas voces pertencentes ao léxico galego, por suposto. En castelán a palabra furna non existe ou, se existe –en  realidade baixo a forma furnia–,  trátase dun dialectalismo xeográfico, concretamente propio da franxa máis occidental do actual dominio do castelán peninsular, cuxa orixe se atopa no antigo leonés. Este feito confirma o antigo vigor de tal lexema no iberorromance occidental e explica o seu triunfo total nas linguas galega e portuguesa. O feito de a acharmos, de novo baixo a forma furnia, nalgunhas zonas de Latinoamérica, non nos ha estrañar nada, pois hai unha chea de occidentalismos ibéricos vivos no castelán de América, por exemplo, o verbo botar co significado de “expulsar, escorrentar”, o substantivo carozo co de "corazón da mazorca do maínzo", coma en galego, ou o emprego da palabra inverno co significado de “tempo de chuva”, patente no dito pontevedrés "Pasada a Peregrina,  o inverno encima". (As festas da Peregrina celébranse arredor do segundo domingo de agosto. E o dito quere dicir que de aí en diante comezan a se producir xa adoito meteoros coma os neboeiros e a chuva.)

                Na literatura galega aconteceu cos dous parónimos referidos, furna e urna, un caso ben curioso. Algúns escritores –seguro que tamén bastantes falantes– entenderon que a voz galega furna traduce exactamente a castelá urna, coidando que esta non é propiamente unha palabra galega, senón un castelanismo, isto é,  un empréstito léxico do castelán, cando se usa en galego. Así que, levados do seu purismo –e dos seus escasos coñecementos lingüísticos–, ultracorréxense deica o extremo de escribiren ou diciren furna onde deberían escribir, ou dicir, simplemente urna. Non me estraña nada que  tal comportamento veña ditado pola suposta analoxía cunha serie moi ampla de lexemas cognados en galego e castelán cuxos lexemas latinos tiñan F- inicial, son que se conserva en galego e se perde, tras a súa aspiración, en castelán; poñamos por caso, do latín FURNU, o galego forno  e o castelán [órno], escrito horno. Entre furna e urna ocorrería outro tanto, isto é, virían sendo voces cognadas: a primeira, galega e a segunda, castelá.

                En realidade non hai nada disto. De modo que en galego non é unha furna, senón unha urna, o depósito con tampa onde se introducen os votos,  ou aqueloutro moito meirande onde xacen os corpos santos,  ou a caixiña onde se gardan as cinzas do cadáver dun finado. A palabra URNA usábase en latín clásico con todos estes significados que había ter en romance, e aínda algún máis, coma o do gobelete con que se botan os dados. No latín medieval parece que se usou como un cultismo; os seus  principais significados, segundo recolle Du Cange, eran o de 'balde co que se tira auga dun pozo fondo' e mais o de 'féretro'. De por parte, o propio Du Cange aduce testemuños de que no baixo latín se confundiu con orla/orula e empregouse para referir, por exemplo, ao reberete ou orela dos panos de altar e outros panos.

                O caso da palabra furna é moi diferente. En primeiro lugar, debe ser considerada como unha voz plenamente patrimonial. O feito de conservar en español o F- inicial latino hase explicar como un resto do antigo leonés non atinxido pola moda da súa aspiración e perda, impostas pola norma do romance castelán. A aquela remanencia debeu de contribuír o feito de que a cognada castelá –*hornia, de onde viría o topónimo Hornillas– se perdera antes de adquirir o poder de substituír a leonesa furnia. Esta empregábase para facer referencia ás grutas e cavernas naturais do terreo. Con tal uso se veu empregando ata hoxe a portuguesa furna. Veremos máis embaixo como se empregou en galego. Non parece por tales usos que teña moito que ver coa palabra forno. Corominas e Pascual coidan que debeu ser unha creación latino-vulgar derivada de FORNIX, 'bóveda'. O cambio do vocalismo tónico non supón ningunha dificultade; o pechamento  o>u, cando se produciu,  deberá de se explicar como efecto do desenvolvemento dun iode.  Non sempre se debeu de producir tal pechamento, pois unha mesma cousa, a cavidade onde se depositan a borralla ou cinzas da cociña e do forno, recibía nalgúns lugares de Asturias a denominación de fornica  (cfr. Corominas, sub voce horno) e na Cabreira leonesa, a de furniella segundo recolleu M. Garrido Silván en Las viejas palabras. Ensayo de un vocabulario tradicional cabreirés (Ponferrada, 2003). Porén na mesma Cabreira achamos o topónimo La Fornia. Debo engadir que nalgures de Galicia tamén recibe o nome de furna esa mesma cavidade -próxima á lareira- onde se reservan as cinzas do lar e do forno para con elas no seu tempo abonar os prados e lameiros. E finalmente direi que a variante furnia (e mesmamente furmia) tamén se rexistrou en Galicia e mesmo se recolle nalgúns escritores do XIX. Así o comprobará o lector se acceder ao TILG (Tesouro Informatizado da Lingua Galega) mantido polo Instituto da Lingua Galega, da Universidade de Santiago de Compostela, para nel consultar o lema furna.

                As miñas noticias sobre o topónimo cabreirés La Fornia obtívenas dun xeito ben curioso. Primeiro souben que en Madrid existe un grupo de restaurantes "La Fornia", de cociña leonesa. Sospeitei que o nome llo porían inspirados por un topónimo da terra de orixe dos fundadores. Telefonei a Manolo Garrido e pregunteille se coñecía que houbese tal topónimo nalgunha zona leonesa. Así é, respondeume, trátase dunha paraxe –toponimia menor, pois logo– de Castrillo de Cabrera (Castriellu de Cabreira, en cabreirés). Faleille da voz furnia e do seu significado. Non a coñece, nin da Cabreira, onde traballou e viviu case trinta anos, nin do Bierzo alto, onde naceu e se criou. Coñeceu si na Cabreira a voz furniella, como enriba adiantei. Dos veciños de Quintanilla seica din, acusándoos de vagancia, os das aldeas próximas: "Los de Quintaniella cagan na furniella". Engadiume este día que tamén existe unha parroquia chamada Forna, pertencente ao concello de Encinedo de Cabreira.

                Volvamos xa de novo á voz galega furna. En canto ao significante, coma en portugués, a forma actual é resultado da desaparición do iode sen deixar nin rastro, pois a palatalización do son consoante n foi impedida polo r que o precede. Este fenómeno de perda do iode sen producir a palatalización da consoante precedente cando tal palatalización non é doada, atópase noutras palabras, por exemplo, no portugués e galego dialectal chuva ou na voz Seabra (Senabria, nos documentos medievais). Tocante ao significado principal, a voz furna ten ou tivo –pois este debeuse ir perdendo asolagado polo uso máis común do substantivo cova– o mesmo sentido referencial que xa vimos que teñen, ou tiñan, a española dialectal furnia  e mais a portuguesa furna. Isto é, o de  'caverna ou cavidade subterránea natural do terreo'. Boa mostra disto nos dá Eladio Rodríguez no seu dicionario. O mesmo nos indica a nosa toponimia: As Furnas é o nome dun lugar habitado, ou rueiro, da parroquia d’O Deveso, no concello d’As Pontes de García Rodríguez; A Furna nomea unha aldea da parroquia de Batalláns, no concello d’As Neves. Porén, o significado que se mantivo máis vivo en Galicia refire ás grutas socavadas polo mar nos acantilados da costa, eses grandes ocos onde segundo contos e lendas axexaban os piratas ou agochaban os tesouros que non podían levar consigo. Ou onde xacen, segundo outras lendas, os corpos dos meniños afogados.

                Este podería moi ben ser o significado con que a palabra é empregada nun coñecido poema de Manuel Antonio, o poeta de Asados (Rianxo), este que aquí transcribo:

                               … Ao afogado

                               Xa che levaron os ollos
                               relingadores de lonxanías
                               e pescadores de profondidades

                               Xa che levaron a voz
                               asolagada na furna xiróvaga
                               por onde escoan as tempestades

                               Xa che levaron os azos
                               enmallados na rede sonora
                               dos cordaxes ereutos

                               O vento aínda escavaba
                               cas poutas de escuma
                               na xerfa máis cadaleitos

                               Ibas xuntando soedades
                               Por un burato do Mar
                               chopaches un día a buscarte

                               A noiva goleta
                               enloitada de branco
                               que cose roitas esquencidas
                               acena no vento as súas velas
                               como ese pano das despedidas.

                Teño diante miña a antoloxía bilingüe de Carmen Blanco (edit., tradución e prólogo),  Extranjera en su patria. Cuatro poetas gallegos. Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Luís Pimentel, Luz Pozo Garza. Galaxia Gutenberg-Círculo de Lectores, Barcelona, 2005. Recóllese este poema na p. 130, e na 131 dáse a súa tradución. O pequeno segundo bloque de versos tradúcese desta maneira:

                               Ya te habían llevado la voz
                               sumergida en la urna giróvaga
                               por donde escurren las tempestades.

                Coido eu, porén, que a confusión de furna con urna  non se produce aquí, ao contrario do que Carme Blanco semella entender. Polo que a tradución que propoño é estoutra:

                               Ya se habían llevado tu voz
                               anegada en la furnia giróvaga
                               por donde se escurren las tempestades

                O contrario poida que aconteza -aínda que teño as miñas dúbidas- co poema de Luis Pimentel,  cuxo texto transcribo a seguir:


                               Galicia

                               Carabela de xeada.

                               Ou, os xordos cordames dun sono
                               e os verdes náufragos de pé
                               -apoiadas as súas maos nas lívidas tempas,
                               cando as furnas se abren
                               (as furnas que agardan os tesouros
                               e aquelas que se fixeron
                               pra os pés dun morto divino)-.

                               Pois ningún poeta soupo soster no seu carrelo
                               o peso do teu clamor,
                               por vez primeira
                               son eu o que tanxo ises xordos cordames.

                               Carabela xeada,
                               pantasma:
                               teño os teus tesouros,
                               as túas furnas,
                               os teus mortos.

                               O roncón do Norde,
                               o punteiro no doce val
                               dunha gaita de dura pedra.

                               Ou, Galicia, a inmóvil,
                               lonxana, envisa,
                               soñando diante dun reló de pedra
                               que un sol esmacelado move.

                               As túas toscas mulleres,
                               agardando sempre
                               diante dun mar tebregoso.
                               E no acantilado dos seus duros queixelos
                               os ollos máis doces berran.

                               Chove, chove sobor dos bosques
                               de onde o noso misterio vén
                               -cabalos brancos portadores de brétema
                               nos seus lombos de nácare-.
                                Chove, chove sobor dos bosques,
                               sobor do mar, sobor da herba mol.
                               I envólvenos un verde sono.

                               Campás invisíbiles soan
                               i Ela na solaina sempre
                               como unha boneca de sombras.
                               Bastabales, Compostela…
                               Montaña sonora de tallada pedra.

                               Eu son o poeta elexido
                               pra fustigar, facer fuxir
                               os misteriosos cabalos de sombra.

                               Pasarán veloces na noite
                               polos fondos camiños
                               polos ríos i as pontes de Roma.

                               Ou, miña difunta,
                               miña morta.
                               Ou, miña gran amada!

                Nas pp. 176.178 da referida antoloxía bilingüe ofrécese este poema. Nas páxinas impares correspondentes temos a versión ao castelán de Carme Blanco. A primeira parte do poema, na que aparece ata tres veces a palabra furnas, tradúcese na p. 177 desta forma:

                               Carabela de helada.

                               Oh, las sordas cuerdas de un sueño
                               y los verdes náufragos de pie
                               -apoyadas sus manos en las lívidas sienes
                               cuando las urnas se abren
                               (las urnas que aguardan los tesoros
                               y aquellas que se hicieron
                               para los pies de un muerto divino)-.

                               Pues ningún poeta supo sostener en su espalda
                               el peso de tu clamor,
                               por vez primera
                               soy yo que el tañe esas sordas cuerdas.

                               Carabela helada,
                               fantasma:
                               tengo tus tesoros,
                               tus urnas,
                               tus muertos.

                Con todo e con iso, tamén cabería supoñer que a confusión de furna con urna non ocorre neste poema. Tamén as furnas da costa son depósito de tesouros e de cadáveres, sequera segundo as lendas, como enriba referimos. Se ben se le o poema, acharemos que nos remite a ámbitos do mar e do litoral. Por que habemos dar como certo e seguro que Pimentel, ou o seu corrector lingüístico en galego, incorreu nesa confusión? Habería que estudar un pouco mellor a cuestión. Velaquí a miña proposta.

               Onde se dá con toda seguridade a confusión de que falamos é neste fragmento dunha prosa poética de Chus Pato:

"(sala de baños da casa de saúde, un espazo baleiro)
un grupo de actores toman té
deléitanse coa feitura de féretro da bandexa; son as cunquiñas en semellanza a furnas e os panos sudarios"
(Charenton, Xerais, Vigo, 2004, p.84).

              Non me cabe dúbida ningunha. Se teño que traducir este texto ao castelán, fareino de tal xeito que ao mesmo tempo que o traduzo, corrixo o texto, por exemplo en nota a rodapé. Coma así:


"(sala de baños de la casa de salud, un espacio vacío)
un grupo de actores toman té
se deleitan con la forma de féretro de la bandeja; son las tacitas semejantes a urnas y los paños, sudarios"
E en nota: "Referente ao texto en galego, onde se le "furnas" debería lerse "urnas", pois a primeira forma carece totalmente de sentido nese contexto".

             Se a un lle pedisen consello, o meu sería este:
Corríxase o texto na próxima edición de Charenton, substitúase sen dubidar unha voz pola outra. En troques, nos poemas transcritos de Pimentel e, sobre todo, de Manuel Antonio, esta consideración é ao meu ver improcedente; aínda que con isto se supoña que non achamos neles operante a confusión entre furna e urna. A confusión, se a houber, coido que se produce na lectura -na decodificación de certos lectores- e non na escritura, isto é, na codificación da mensaxe.









quinta-feira, 23 de fevereiro de 2012

"No colo" e "em colo"

Non sabía eu que en portugués se adoita usar a expresión em colo, sen o artigo, como equivalente da galega no colo. Haberá un mes, estando a ler unha páxina de literatura portuguesa -non sabería agora dicir cal-, percibín a diferenza. Entón lembrei que, lendo uns meses antes o Itinerario de Egeria, achara a construción latina in collo. Referíndose Exeria ao público asistente a unhas cerimonias relixiosas en Xerusalén, reparou que entre aquel público había moitas nais que levaban os seus meniños "in collo".
Non sei agora se a construción latina é indicio decisivo sobre o país de onde era oriúnda a autora. Quen nos vai asegurar que esa expresión non se empregaba tamén noutras partes de Hispania ou mesmo do Imperio naquel tempo? O que non sei explicar, de por parte, é como xurdiu a diferenza descrita entre a expresión galega e a portuguesa. A innovadora neste caso sería a nosa. Porén cando e por que se produciu?
Hai anos, oíndo falar os meus compañeiros de estudo procedentes das zonas próximas a Muros e Carnota, chamárame moito a atención cando usaban a expresión en cas X co mesmo valor con que nós, os do baixo Ulla, usabamos estoutra: na de X. Poñamos exemplos. Eles dicían, un supoñer: "Miña nai vai en cas Antona" onde nós diciamos: "Miña nai vai na de Antona". Enténdese que nesta última se elide a palabra casa. Se lla repoñemos, daranos o enunciado Miña nai vai na casa de Antona. Sendo así, está claro que entre dúas zonas de Galicia non moi distantes, ambas situadas na parte occidental do territorio, nalgún momento se produciu unha notábel variación na expresión do 'lugar onde' (ubi) e 'a onde' (quo) co substantivo casa; tan notábel é que ou aló prescinden do artigo ou acó se introduce coa preposición en, é dicir, exactamente igual que no caso de "em colo" versus "no colo". Neste caso, como digo, "en cas(a)" e "na (casa) de", respectivamente.
Tamén agora a innovación se produciu no baixo Ulla. A conservación dun estadío máis antigo está testemuñado pola expresión muradá. Se en latín do século IV se dicía por acá "in collo" e "in casa" como parece testemuñar Exeria, Galicia é innovadora verbo de Portugal no referente a "no colo" versus "en colo". O baixo Ulla éo verbo de Muros/Carnota no referente a "na casa" versus "en casa"; ou mellor dito, "en cas", que daquela a min tan ben me soou pois estaba próximo aínda o día no que eu aprendera que en francés, onde nós diciamos "na de Pedro", dicían "chez Pierre", algo así como "*cas Pedro".