SOBRE URNAS E FURNAS
Por Xesús Portas Ferro
Entre
as palabras urna e furna non hai casemente máis semellanza
do que a existente no plano do significante, esa posesión en común dunha
secuencia de sons iguais na que consiste a figura chamada paronomasia. Falamos
de dúas voces pertencentes ao léxico galego, por suposto. En castelán a palabra
furna non existe ou, se existe –en realidade baixo a forma furnia–, trátase dun
dialectalismo xeográfico, concretamente propio da franxa máis occidental do
actual dominio do castelán peninsular, cuxa orixe se atopa no antigo leonés.
Este feito confirma o antigo vigor de tal lexema no iberorromance occidental e
explica o seu triunfo total nas linguas galega e portuguesa. O feito de a
acharmos, de novo baixo a forma furnia,
nalgunhas zonas de Latinoamérica, non nos ha estrañar nada, pois hai unha chea
de occidentalismos ibéricos vivos no castelán de América, por exemplo, o verbo botar co significado de “expulsar,
escorrentar”, o substantivo carozo co de "corazón da mazorca do maínzo", coma en galego, ou o emprego da palabra inverno
co significado de “tempo de chuva”, patente no dito pontevedrés "Pasada a Peregrina, o inverno encima". (As festas da Peregrina celébranse arredor do segundo domingo de agosto. E o dito quere dicir que de aí en diante comezan a se producir xa adoito meteoros coma os neboeiros e a chuva.)
Na
literatura galega aconteceu cos dous parónimos referidos, furna e urna, un caso ben
curioso. Algúns escritores –seguro que tamén bastantes falantes– entenderon que
a voz galega furna traduce
exactamente a castelá urna, coidando que esta non é propiamente unha palabra galega, senón un
castelanismo, isto é, un empréstito
léxico do castelán, cando se usa en galego. Así que, levados do seu purismo –e
dos seus escasos coñecementos lingüísticos–, ultracorréxense deica o extremo de
escribiren ou diciren furna onde deberían
escribir, ou dicir, simplemente urna.
Non me estraña nada que tal comportamento veña ditado pola suposta analoxía cunha
serie moi ampla de lexemas cognados en galego e castelán cuxos lexemas latinos
tiñan F- inicial, son que se conserva en galego e se perde, tras a súa
aspiración, en castelán; poñamos por caso, do latín FURNU, o galego forno e o castelán [órno], escrito horno. Entre furna e urna ocorrería
outro tanto, isto é, virían sendo voces cognadas: a primeira, galega e a
segunda, castelá.
En
realidade non hai nada disto. De modo que en galego non é unha furna, senón unha urna, o depósito con tampa onde se introducen os votos, ou aqueloutro moito meirande onde xacen os
corpos santos, ou a caixiña onde se
gardan as cinzas do cadáver dun finado. A palabra URNA usábase en latín clásico
con todos estes significados que había ter en romance, e aínda algún máis, coma o
do gobelete con que se botan os dados. No latín medieval parece que se usou
como un cultismo; os seus principais
significados, segundo recolle Du Cange, eran o de 'balde co que se tira auga dun
pozo fondo' e mais o de 'féretro'. De por parte, o propio Du Cange aduce testemuños
de que no baixo latín se confundiu
con orla/orula e empregouse para
referir, por exemplo, ao reberete ou orela dos panos de altar e outros panos.
O
caso da palabra furna é moi
diferente. En primeiro lugar, debe ser considerada como unha voz
plenamente patrimonial. O feito de conservar en español o F- inicial latino
hase explicar como un resto do antigo leonés non atinxido pola moda da súa
aspiración e perda, impostas pola norma do romance castelán. A aquela
remanencia debeu de contribuír o feito de que a cognada castelá –*hornia, de onde viría o topónimo Hornillas– se perdera antes de adquirir
o poder de substituír a leonesa furnia.
Esta empregábase para facer referencia ás grutas e cavernas naturais do terreo.
Con tal uso se veu empregando ata hoxe a portuguesa furna. Veremos máis embaixo como se empregou en galego. Non parece
por tales usos que teña moito que ver coa palabra forno. Corominas e Pascual coidan que debeu ser unha creación latino-vulgar
derivada de FORNIX, 'bóveda'. O cambio do vocalismo tónico non supón ningunha
dificultade; o pechamento o>u, cando se produciu, deberá de se explicar como efecto do desenvolvemento dun iode. Non sempre se debeu de producir tal pechamento,
pois unha mesma cousa, a cavidade onde se depositan a borralla ou cinzas da
cociña e do forno, recibía nalgúns lugares de Asturias a denominación de fornica
(cfr. Corominas, sub voce horno) e
na Cabreira leonesa, a de furniella
segundo recolleu M. Garrido Silván en Las viejas palabras. Ensayo de un vocabulario tradicional cabreirés
(Ponferrada, 2003). Porén na mesma Cabreira achamos o topónimo La Fornia. Debo engadir que nalgures de Galicia tamén recibe o nome de furna esa
mesma cavidade -próxima á lareira- onde se reservan as cinzas do lar e do forno
para con elas no seu tempo abonar os prados e lameiros. E finalmente direi que a variante furnia (e mesmamente furmia)
tamén se rexistrou en Galicia e mesmo se recolle nalgúns escritores do XIX. Así o
comprobará o lector se acceder ao TILG (Tesouro Informatizado da Lingua
Galega) mantido polo Instituto da Lingua Galega, da Universidade de Santiago
de Compostela, para nel consultar o lema furna.
As
miñas noticias sobre o topónimo cabreirés La
Fornia obtívenas dun xeito ben curioso. Primeiro souben que en Madrid
existe un grupo de restaurantes "La Fornia", de cociña leonesa. Sospeitei que o
nome llo porían inspirados por un topónimo da terra de orixe dos fundadores.
Telefonei a Manolo Garrido e pregunteille se coñecía que houbese tal topónimo
nalgunha zona leonesa. Así é, respondeume, trátase dunha paraxe –toponimia
menor, pois logo– de Castrillo de Cabrera (Castriellu de
Cabreira, en cabreirés). Faleille da voz furnia
e do seu significado. Non a coñece, nin da Cabreira, onde traballou e viviu
case trinta anos, nin do Bierzo alto, onde naceu e se criou. Coñeceu si na Cabreira
a voz furniella, como enriba adiantei. Dos veciños de Quintanilla seica din, acusándoos de vagancia, os das aldeas próximas: "Los de Quintaniella cagan na furniella". Engadiume este día que tamén existe unha parroquia chamada Forna, pertencente ao
concello de Encinedo de Cabreira.
Volvamos
xa de novo á voz galega furna. En
canto ao significante, coma en portugués, a forma actual é resultado da
desaparición do iode sen deixar nin rastro, pois a palatalización do son
consoante n foi impedida polo r que o precede. Este fenómeno de perda
do iode sen producir a palatalización da consoante precedente cando tal palatalización non é doada, atópase noutras palabras,
por exemplo, no portugués e galego dialectal chuva ou na voz Seabra
(Senabria, nos documentos
medievais). Tocante ao significado principal, a voz furna ten ou tivo –pois este debeuse ir
perdendo asolagado polo uso máis común do substantivo cova– o mesmo sentido referencial que xa vimos que teñen, ou tiñan,
a española dialectal furnia e mais a portuguesa furna. Isto é, o de 'caverna
ou cavidade subterránea natural do terreo'. Boa mostra disto nos dá Eladio
Rodríguez no seu dicionario. O mesmo nos indica a nosa toponimia: As Furnas é o nome dun
lugar habitado, ou rueiro, da parroquia d’O Deveso, no concello d’As Pontes de
García Rodríguez; A Furna nomea unha aldea da parroquia de Batalláns, no
concello d’As Neves. Porén, o significado que se mantivo máis vivo en Galicia refire ás
grutas socavadas polo mar nos acantilados da costa, eses grandes ocos onde
segundo contos e lendas axexaban os piratas ou agochaban os tesouros que non
podían levar consigo. Ou onde xacen, segundo outras lendas, os corpos dos
meniños afogados.
Este
podería moi ben ser o significado con que a palabra é empregada nun coñecido
poema de Manuel Antonio, o poeta de Asados (Rianxo), este que aquí transcribo:
… Ao afogado
Xa
che levaron os ollos
relingadores
de lonxanías
e
pescadores de profondidades
Xa
che levaron a voz
asolagada
na furna
xiróvaga
por
onde escoan as tempestades
Xa
che levaron os azos
enmallados
na rede sonora
dos
cordaxes ereutos
O
vento aínda escavaba
cas
poutas de escuma
na
xerfa máis cadaleitos
Ibas
xuntando soedades
Por
un burato do Mar
chopaches
un día a buscarte
A
noiva goleta
enloitada
de branco
que
cose roitas esquencidas
acena
no vento as súas velas
como
ese pano das despedidas.
Teño diante miña a
antoloxía bilingüe de Carmen Blanco (edit., tradución e prólogo), Extranjera
en su patria. Cuatro poetas gallegos. Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Luís
Pimentel, Luz Pozo Garza. Galaxia Gutenberg-Círculo de Lectores, Barcelona,
2005. Recóllese este poema na p. 130, e na 131 dáse a súa tradución. O pequeno segundo bloque de versos tradúcese desta maneira:
Ya
te habían llevado la voz
sumergida
en la urna giróvaga
por
donde escurren las tempestades.
Coido eu, porén,
que a confusión de furna con urna non se produce aquí, ao contrario do que
Carme Blanco semella entender. Polo que a tradución que propoño é estoutra:
Ya se habían llevado tu voz
anegada
en la furnia giróvaga
por
donde se escurren las tempestades
O contrario poida que aconteza -aínda que teño as miñas dúbidas- co poema de Luis Pimentel, cuxo texto transcribo a seguir:
Galicia
Carabela
de xeada.
Ou,
os xordos cordames dun sono
e
os verdes náufragos de pé
-apoiadas
as súas maos nas lívidas tempas,
cando
as furnas
se abren
(as
furnas
que agardan os tesouros
e
aquelas que se fixeron
pra
os pés dun morto divino)-.
Pois
ningún poeta soupo soster no seu carrelo
o
peso do teu clamor,
por
vez primeira
son
eu o que tanxo ises xordos cordames.
Carabela
xeada,
pantasma:
teño
os teus tesouros,
as
túas furnas,
os
teus mortos.
O
roncón do Norde,
o
punteiro no doce val
dunha
gaita de dura pedra.
Ou,
Galicia, a inmóvil,
lonxana,
envisa,
soñando
diante dun reló de pedra
que
un sol esmacelado move.
As
túas toscas mulleres,
agardando
sempre
diante
dun mar tebregoso.
E
no acantilado dos seus duros queixelos
os
ollos máis doces berran.
Chove,
chove sobor dos bosques
de
onde o noso misterio vén
-cabalos
brancos portadores de brétema
nos
seus lombos de nácare-.
Chove, chove sobor dos bosques,
sobor
do mar, sobor da herba mol.
I
envólvenos un verde sono.
Campás
invisíbiles soan
i
Ela na solaina sempre
como
unha boneca de sombras.
Bastabales,
Compostela…
Montaña
sonora de tallada pedra.
Eu
son o poeta elexido
pra
fustigar, facer fuxir
os
misteriosos cabalos de sombra.
Pasarán
veloces na noite
polos
fondos camiños
polos
ríos i as pontes de Roma.
Ou,
miña difunta,
miña
morta.
Ou,
miña gran amada!
Nas
pp. 176.178 da referida antoloxía bilingüe ofrécese este poema. Nas páxinas
impares correspondentes temos a versión ao castelán de Carme Blanco. A primeira
parte do poema, na que aparece ata tres veces a palabra furnas, tradúcese na p. 177 desta forma:
Carabela de helada.
Oh,
las sordas cuerdas de un sueño
y
los verdes náufragos de pie
-apoyadas
sus manos en las lívidas sienes
cuando
las urnas
se abren
(las
urnas
que aguardan los tesoros
y
aquellas que se hicieron
para
los pies de un muerto divino)-.
Pues
ningún poeta supo sostener en su espalda
el
peso de tu clamor,
por
vez primera
soy
yo que el tañe esas sordas cuerdas.
Carabela
helada,
fantasma:
tengo
tus tesoros,
tus
urnas,
tus
muertos.
Con
todo e con iso, tamén cabería supoñer que a confusión de furna con urna non ocorre neste poema. Tamén as furnas da costa son depósito
de tesouros e de cadáveres, sequera segundo as lendas, como enriba referimos. Se ben se le o poema,
acharemos que nos remite a ámbitos do mar e do litoral. Por que habemos dar como certo e seguro que Pimentel, ou o seu corrector lingüístico en galego, incorreu nesa
confusión? Habería que estudar un pouco mellor a cuestión. Velaquí a miña
proposta.
Onde se dá con toda seguridade a confusión de que falamos é neste fragmento dunha prosa poética de Chus Pato:
"(sala de baños da casa de saúde, un espazo baleiro)
un grupo de actores toman té
deléitanse coa feitura de féretro da bandexa; son as cunquiñas en semellanza a furnas e os panos sudarios"
(Charenton, Xerais, Vigo, 2004, p.84).
Non me cabe dúbida ningunha. Se teño que traducir este texto ao castelán, fareino de tal xeito que ao mesmo tempo que o traduzo, corrixo o texto, por exemplo en nota a rodapé. Coma así:
"(sala de baños de la casa de salud, un espacio vacío)
un grupo de actores toman té
se deleitan con la forma de féretro de la bandeja; son las tacitas semejantes a urnas y los paños, sudarios"
Se a un lle pedisen consello, o meu sería este:
Corríxase o texto na próxima edición de Charenton, substitúase sen dubidar unha voz pola outra. En troques, nos poemas transcritos de Pimentel e, sobre todo, de Manuel Antonio, esta consideración é ao meu ver improcedente; aínda que con isto se supoña que non achamos neles operante a confusión entre furna e urna. A confusión, se a houber, coido que se produce na lectura -na decodificación de certos lectores- e non na escritura, isto é, na codificación da mensaxe.
Onde se dá con toda seguridade a confusión de que falamos é neste fragmento dunha prosa poética de Chus Pato:
"(sala de baños da casa de saúde, un espazo baleiro)
un grupo de actores toman té
deléitanse coa feitura de féretro da bandexa; son as cunquiñas en semellanza a furnas e os panos sudarios"
(Charenton, Xerais, Vigo, 2004, p.84).
Non me cabe dúbida ningunha. Se teño que traducir este texto ao castelán, fareino de tal xeito que ao mesmo tempo que o traduzo, corrixo o texto, por exemplo en nota a rodapé. Coma así:
"(sala de baños de la casa de salud, un espacio vacío)
un grupo de actores toman té
se deleitan con la forma de féretro de la bandeja; son las tacitas semejantes a urnas y los paños, sudarios"
E en nota: "Referente ao texto en galego, onde se le "furnas" debería lerse "urnas", pois a primeira forma carece totalmente de sentido nese contexto".
Se a un lle pedisen consello, o meu sería este:
Corríxase o texto na próxima edición de Charenton, substitúase sen dubidar unha voz pola outra. En troques, nos poemas transcritos de Pimentel e, sobre todo, de Manuel Antonio, esta consideración é ao meu ver improcedente; aínda que con isto se supoña que non achamos neles operante a confusión entre furna e urna. A confusión, se a houber, coido que se produce na lectura -na decodificación de certos lectores- e non na escritura, isto é, na codificación da mensaxe.
Sem comentários:
Enviar um comentário