quarta-feira, 23 de julho de 2008

A perda de mundo, -a

Xa está mundo o trigo é unha construción gramatical, seméllame a min, na fala normal da miña familia de hai sesenta anos. Coido que a usaba ou puido usar meu pai, falando con miña nai ou con Julia, a criada, cando eu tiña cinco anos. Algunha vez lles ouvín oracións semellantes a estoutra: Esa fariña é moi viva, apreta un pouco para que estea ben munda.

Pracíame acompañalos ao muíño da Ponte. Non tanto ao da Casanova, de noite, pois achábase no fondal dunha baixada enfesta, algo lonxe das primeiras casas habitadas. As máis próximas quedaban a uns cen metros, no alto. Á dereita, bastante arredada do camiño, a de Xacobe, e á esquerda, a de Chaves. Lembro irmos adoito ao muíño da Casanova, onde tiñamos máis días e horas de moltura. Lembro con miña nai apoñer ou desapoñer, con varias horas de noite, porque se cadra o pai estaba de viaxe e non daba chegado. A primeira vez debeu ser desque Julia nos deixou porque se lle cumpría o tempo dar a luz o seu primoxénito, que tivo de solteira. Tamén me lembro de que, coa ida de Julia, por primeira vez experimentei un sentimento intenso de fonda soidade.

O adxectivo mundo, -a é en realidade, sequera na orixe, un verdadeiro participio pasivo irregular do verbo moer. O regular é moído, -a. É interesante o tema dos participios irregulares en galego, ou, mellor dito, dos restos de pretéritos fortes latinos na nosa lingua, coma: feito, dito, visto, posto, volto, preso, aceso, comesto, encolleito, envolveito, tolleito… Desta vez reparei no participio irregular mundo, rechamante por varios motivos. Non é un participio forte, aínda que o pareza.

De primeiras, cómpre advertir que o participio mundo, -a ten un homónimo de orixe e significado moi diferentes, co que por iso mesmo nunca debe ser confundido. Refírome a un cultismo procedente do latín MUNDUM, -AM, ‘limpo’: o adxectivo mundo, -a, menos adoitado do que o seu antónimo inmundo, -a e do que o substantivo derivado deste, inmundicia. Voces patrimoniais derivadas de MUNDARE ‘limpar’, temos gal. mondar e o seu deverbal monda, abondo afastados semanticamente do seu étimo. O que tamén cómpre saber é que o participio irregular de moer non ten nada que ver con mondar e monda. Ninguén vaia pensar que a fariña munda se chama así por proceder dos grans mondados, sen monda. As carepas ou cascas dos grans de cereal, logo de este ser mundo ou moído, denomínanse farelo.

O vocábulo patrimonial galego mundo, -a ‘moído’ non provén de MOLITUS, que era voz proparoxítona e, endalí, participio forte de MOLERE. Puido ser e non foi. Esperaríase * molto, -a. Ocorreu en catalán, lingua na que mòlt, -a é de uso común e non sofre a concorrencia de voces sinónimas. En aragonés houbo muelto. O fr. molu, -ue procede de l. vg. molutu, -a. Tal é tamén o étimo de gal. mundo, -a. Representa o resultado final da evolución molútu > moúdo > mữúdo > muúndo > mundo. O latín popular tendeu a facer débiles os participios dos verbos que o tiñan irregular ou forte, como acontecía nos que facían o infinitivo, paroxítono ou proparoxítono, en –ERE (verbos da segunda e terceira conxugacións). O sufixo paroxítono –utu, -uta foi o recurso preferido polo latín vulgar para conferir aos verbos en –ere un participio regular análogo ao dos verbos das conxugacións en –are e en –ire, que, xustamente pola súa regularidade, eran máis produtivas. En francés e en italiano fican innúmeras formas que deveñen daquel estado de cousas: perdu, eu, perduto, avuto… No galego-portugués medieval remanecían moitísimos participios en –udo: perdudo, vençudo, movudo, connusçudo… No castelán medieval sucedía o mesmo. De entón para nós, os participios en –udo perdéronse en castelán, portugués e galego, substituídos por formacións en –ido, máis regulares ou análogas aínda, tanto respecto aos participios dos verbos en –ir como respecto a algunhas formas dos propios verbos en –er que conteñen i como vogal temática: perdín, perdiches… Apenas remanecen restos daquela situación. Un deles é port. conteúdo ‘contido’. Outro é o gal. mundo, -a. Tan disfrazado, porén, que apenas se fai recoñecíbel o seu étimo. O disfrace consiste en caída do –l–, nasalización das vogais en contacto, contracción destas e desenvolvemento dunha consoante nasal, demasiados cambios de vestido nunha voz para que aínda sexa patente a súa estirpe. Poida que, precisamente por iso, evitase ser atinxida pola sorte das súas conxéneres e se mantivese en uso durante tantos séculos, malia a concorrencia do participio regular moído, -a. Os dous se usaban polos mesmos falantes, sen diferenzas notábeis, polo que eu lembro.

Agora, se cadra, xa se perdeu ou está esmorecendo de vez. Non é estraño que se perdan palabras ao longo dos complicados procesos de cambio cultural e lingüístico. Do campo semántico da moltura e a muiñada perdéronse ou vanse perder definitivamente unha chea delas, precisamente porque desapareceron da vida cotiá os labores e aveños relativos a elas. Nesta situación, quen vai ter interese en diferenciar entre o que está mundo e o que está sen moer ou vivo, moito menos aínda entre mundo e moído…? Se aínda a nosa sociedade estivese normalizada e os muiñeiros galegos do presente fosen continuadores da tradición muiñeira de noso tamén no referente á lingua… Mais non hai signos de que isto sexa así.

A perda de mundo, -a pódenos semellar intrascendente. Secasí, é todo un símbolo. Cando se perden primeiro os trazos que máis diferencian unha lingua doutra coa que está en contacto, sinal é de que aquela lingua está asemellándose a estoutra e a se desfigurar ela mesma. Neste proceso se acha a lingua galega verbo da castelá. A voz patrimonial mundo, -a é tan caracteristicamente nosa, que a súa sorte se converte en figura da sorte da nosa lingua, se non en figura da nosa propia sorte como galegos.

Sem comentários: