Véselle triste. Tívoselles por dignas daquel honor.
Adoito se oen, e mesmo se escriben, construcións semellábeis ás dúas precedentes. Xa podemos pregoar aos catro ventos a súa condición de bárbaras e inadmisíbeis en galego, que perderemos o tempo. Isto vénnos ratificar a convicción de que temos a norma no castelán e non hai xa quen nos libre dela. Razoemos un chisco, porén, sobre a razón deste tipo de construcións, sobre a súa estrañeza ao xenio da lingua galega e sobre as alternativas para expresarmos en galego o seu significado sintáctico.
De onde elas veñen é cousa clara. Son calcos sintácticos en bruto doutras castelás: se le ve triste; se les tuvo por dignas de aquel honor. O peor do caso é que no galego dalgunhas persoas, non precisamente populares, son máis frecuentes do que os seus mesmos modelos casteláns. Isto ten a súa razón. O castelán permite, para o mesmo contido, variar a expresión así: se le ve triste / se la ve triste ou se lo ve triste -esta última, pouco usada-, e se les tuvo en vilo / se las tuvo en vilo ou se los tuvo en vilo. Tal variabilidade non é doada en galego. Cadeas coma *vésea triste e *véseo triste, aínda que algunha vez se puideron producir, non dan conseguido vía libre. Endealí, cálcase precisamente a fórmula castelá máis estraña á nosa lingua, a variante con “leísmo”, fenómeno normal en castelán polo que se usan os pronomes le e les en función de obxecto directo e, polo tanto, no canto de lo/la e los/las respectivamente.
Ao calcar en galego estas construcións, estase incorrendo nun feo solecismo que, por riba, carrexa a infeliz desventura de introducir na norma galega usual o “lleísmo sintáctico”, totalmente estraño, como xa dixemos, ao xenio da nosa lingua. De ningún galego falante que non sufrise amoldamento á norma castelá se pode esperar o uso de lle ou lles en función de obxecto directo. En galego pode haber variación “cheísmo/teísmo”, mais non, ata a introdución desas barbaridades, de “lleísmo/loísmo”.
A cuestión principal é a máis difícil: como facer para evitar o solecismo descrito. Supoñendo que sirvan para algo, cousa da que son fortemente dultoso, quero aquí apuntar brevemente unhas pistas. Para comezar, cómpre querer e facer un esforzo elícito de se desintoxicar da norma castelá no atinxente a estas e outras construcións. Saber que aí está o perigo e ter vontade de fuxir del é o principio do remedio buscado. En segundo lugar, cómpre entender que non ten por que haber, e moitas veces non hai, isomorfismo entre galego e castelán. Igual que o contido da expresión galega Alí o vén non se pode expresar en castelán formalmente con Allí lo viene, do mesmo xeito e pola mesma razón calcar se le ve triste en véselle triste é unha barbaridade do mesmo calibre, por non dicir outra cousa que tamén comeza por b. Despois haberá que buscar, entre as posibilidades do sistema da lingua galega, as formas de noso axeitadas para a expresión do mesmo contido e, entre as histórica e popularmente adoitadas, elixir aquelas que pragmática e estilisticamente nos semellen máis útiles, máis prácticas ou máis belas.
Á hora da verdade, unha vez que se optou pola pureza, non hai que ter medo a que se nos perda algunha distinción ou que xurdan outras menos importantes. Supoñamos, un caso, que o contido do castelán se le ve triste referido a unha muller o expresamos en galego so unha destas formas: vese triste, un/unha vea triste, vela triste, vémola triste... O máis teimudo sempre poderá opoñer que a primeira expresión, en pasiva reflexa, lle resulta ambigua, pois o se tanto pode ser reflexivo –a muller veríase ela mesma en tristén– como ser signo de axente impersoal. E que importa? Non será o primeiro caso dunha expresión potencialmente ambigua na lingua, que se desambigúa na fala segundo o contexto e en virtude da situación extralingüística. Sobre a terceira e a cuarta expresións podería alguén dicir que introducen uns suxeitos persoais ausentes no contido da frase castelá. E que, se así for? Mais non é. A segunda e a cuarta persoa poden, en certos contextos, ser signos de impersonalidade. A segunda espresión, aínda que cada vez se usa menos, é moi de noso. Outra solución axeitada, máis ben nun rexistro elevado e non sempre posíbel, é o recurso á pasiva perifrástica. Por exemplo, Foron tidas por dignas daquel honor. Supoñamos en castelán: Se les consulta cada vez más. É unha expresión galega válida: Son consultados/as cada vez máis.
Sem comentários:
Enviar um comentário