sábado, 2 de agosto de 2008

Vê-se triste

Despois de ler o artigo precedente, Véselle triste, escríbeme un amigo preguntándome: Como sería en portugués ese "véselle triste"? Resposteille hai dous días, achegándolle nun arquivo adxunto o texto que con leviáns modificacións transcribo agora aquí.

A forma máis común de expresar en portugués o significado de construcións castelás coma se le ve triste é a que fai recurso á pasiva reflexa. No noso caso, a tradución podería ser “vê-se triste”. Porén, hai que ter en conta que se cadra non é fácil atopar esta cadea en textos escritos. O problema que ten é o da ambigüidade verbo da súa interpretación como reflexiva. De por parte, tamén en portugués hai moitas maneiras de expresar que a xente ve alguén como posuidor dunha cualidade. O portugués gusta das construcións pasivas para estes significados, polo menos no uso formal da lingua, mesmo na radio e nos xornais. Cando vai ben, usa a pasiva perifrástica.

Acabo de facer unha busca rápida de expresións semellantes, isto é, nas que apareza a secuencia “vê-se” máis un predicativo referido á persoa da que se fala (obxeto directo na oración castelá, suxeito da pasiva reflexa en portugués) e achei:

- “vê-se estendido na estrada” (referido a un home, vítima dun accidente de tráfico)
- “O Senhor de toda Criação vê-se hoje morto e aquele que esvaziou os túmulos dos mortos é posto nun túmulo novo”

Se pedirmos a varias persoas a expresión deses contidos en castelán, é seguro que a maioría delas nos darían estas:

- “se le ve tendido en la carretera”
- “Al Señor de toda Creación se le ve hoy muerto y al que ha vaciado los sepulcros de los muertos se le pone en un sepulcro nuevo”.

Á hora de retraducir estas expresións do castelán ao galego, pódese esperar que moitos de nós, sen coñecermos as portuguesas, as vertésemos así:

- “véselle estendido na estrada”
- “Ao Señor de toda Creación véselle hoxe morto e ao que librou as sepulturas dos mortos pónselle nunha sepultura nova”.

Non fai falta dicir que a corrente normal da tradición galega é moito máis consonte coa sintaxe das construcións portuguesas que coas hoxe máis normais en castelán. E se a alguén lle parecese elevado de máis ese rexistro ou ambigua algunha das expresións, sempre pode modificalas, por ex. así:

- “vese que está estendido na estrada” ou “vémolo estendido na estrada”
- “O Señor de toda Creación vémolo hoxe morto e aquel que librou as sepulturas dos mortos póñeno nunha sepultura nova”.

Porén, eu prefiro trasladar ao galego as construcións portuguesas case á letra:

- “vese estendido na estrada”
- “O Señor de toda Creación vese hoxe morto e aquel que librou as sepulturas dos mortos é posto nunha sepultura nova”.

Sem comentários: