segunda-feira, 18 de agosto de 2008

Follas colleitas

Follas colleitas. Velaí un sintagma non agramatical en galego, senón que poucos falantes usarían quizais, afeitos a dicir Follas collidas.

Os verbos da segunda conxugación con participio en –eito constitúen un grupo especial entre os que teñen un participio irregular. Non é un grupo grande; mais ten membros abondos, máis do que cabería esperar. Os participios en –eito presentan, de por parte, certas características que, a unha primeira ollada, resultan rechamantes.

A maioría dos participios irregulares son asemade participios fortes, polo que, neles, o acento recae sobre a vogal radical e non sobre a vogal temática, como acontece, pola contra, nos regulares. Déixase ver mellor este trazo se comparamos o participio forte de envolver, envolto, co participio regular, envolvido. Se agora comparamos con ambos o segundo participio irregular do mesmo verbo, envolveito, decatarémonos de que nesta terceira forma non se acentúa a vogal radical -o-, senón a primeira do sufixo derivativo, coma no participio regular. Trátase, pois logo, dun participio fraco ou débil. Así que, sequera en aparencia, os adxectivos verbais en –eito son participios irregulares fracos. Así e todo, rematan en –to, como acontece co grupo máis numeroso entre todos os participios fortes (dito, volto, solto, posto, visto, morto, torto, enxoito, comesto…). Amosan, logo, os en –eito unha condición mixta, froito de teren a súa primeira orixe nun participio forte cuxa terminación adquiriu despois certa capacidade produtiva para a formación de adxectivos verbais mediante a súa sufixación ao radical do verbo, de maneira semellante a como se engaden os sufixos –ado e –ido.

Visto o fenómeno desde unha perspectiva sincrónica, os verbos capaces de recibir ese sufixo derivativo forman un pequeno subsistema dentro da morfoloxía e formación de palabras da lingua galega. Os membros do grupo son, se non me esqueceu ningún, os seguintes:

facer feito
desfacer desfeito
afacer afeito
satisfacer satisfeito
…. ….
coller colleito
escoller escolleito
encoller encolleito
desencoller desencolleito
recoller recolleito
acoller acolleito
toller tolleito
erguer ergueito
envolver envolveito
desenvolver desenvolveito
escorrer escorreito
coser coseito

É transparente o procedemento de formación. Ao radical do verbo en –er engádese o morfema derivativo –eito, sen irregularidade que afecte ao radical agás no caso de facer –e compostos–, caracterizado este pola frecuente redución da súa raíz (fas, fai, fan, farei, faría…). Tal procedemento opera xa no galego arcaico. Naquel e no galego medieval existiu ademais un participio esleito, ou esleyto, do verbo esleer ‘elixir, nomear, designar’, formado consonte ao procedemento de derivación que acabamos de describir. De por parte, é fecuente no galego medieval o emprego destes participios. Para expresar o decaemento total, psíquico e físico, dos troianos perante a desgraza que os asola despois da traizón dos gregos, a Crónica Troiana píntaos como tolleytos e encolleytos.

Non hai en castelán nin noutra lingua románica, agás naturalmente en portugués, un subsistema morfolóxico e derivativo semellábel. Se queremos preservar a identidade da lingua galega, velaquí un subsistema que a fai senlleira e xa só por iso tiñamos que tratar de non perder. Mais acontece con el e con outros trazos de singularidade da nosa lingua que, en contacto co sistema e norma casteláns, van recuando a pouco e pouco e tenden a se non usar. Cumpría resistir, tamén neste recuncho. Como? Empregándoos na nosa fala, oralmente e ao escribirmos.

Tocante ao verbo facer e os seus compostos, non existe cuestión. Non admiten máis participio ca o irregular en –eito. De por parte, tamén acontece que non nos inflúe en contra o castelán, habendo como hai perfecto isomorfismo entre ambas linguas nesta parte.

O problema está nos outros verbos. Todos teñen asemade cadanseu participio regular en –ido (collido, tollido, envolvido, escorrido, cosido) e mesmo outro participio irregular (envolto, desenvolto). Por iso, temos necesariamente que elixir entre voces concorrentes. Se cadra, antóllasenos pouco natural a escolla das formas en –eito. Un bo consello paréceme o de non facer caso e usalas, aínda así, sempre e cando esas formas tomen na nosa fala as funcións propias do adxectivo: modificador do nome, atributo e predicativo. Outro caso é o de cando conxugamos o verbo correspondente nalgunha perífrase de participio, cos verbos auxiliares dar, levar, ter, ser. Aquí poida que fagamos ben en deixarnos persuadir polo receo da artificialidade.

Poñerei uns exemplos. As flores están colleitas (atributo). Trae só as flores escolleitas (modificador). Teño escolleitas as flores (predicativo do obxecto directo). Se axeitamos a nosa fala á norma castelá, elixiremos a forma collidas/escollidas nos tres casos. O castelán non ten opción de escolla: non ten *cogechas (cosechas non é adxectivo) nin *escogechas/escosechas. Aínda que a norma galega en casos coma estes nos permite usar sempre as formas do participio regular (collidas, escollidas…), faremos ben, a prol da preservación do noso propio sistema lingüístico, se elixirmos máis a miúdo as do participio irregular.

As flores foron colleitas (pasiva perifrástica). Non dou envolveito/envolto este vulto (perífrase con auxiliar dar). A min, conforme á fala da miña infancia, seméllanme gramaticais estas oracións, con pequenas dúbidas. Se cadra, tamén eu influído pola norma castelá. O que adoita admitirse é que, no caso de verbos con dobre participio, o irregular non se usa nos tempos compostos nin nas perífrases. Se tal for a norma, daquela teriamos que escoller: As flores foron collidas, Non dou envolvido este vulto.

Rematarei aquí esta páxina; aínda que non fica dito todo o que de si dá o tema. Sería preciso dicir algo do case inusitado coseito, de toller e de tolleito... É interesante asemade enxergar estas voces desde unha perspectiva histórica, tratando de entender en que verbos naceu o morfema derivativo –eito e como e por que se estendeu a outros, e só a uns cantos, verbos onde a súa presenza non está motivada etimoloxicamente. Poida que un día voltemos ao tema para o completar.

Sem comentários: