quarta-feira, 6 de agosto de 2008

A vila, o pueblo e o pobo

Pensemos nunha avoa, veciña dun barrio periférico ou dunha parroquia rural galega. En canto ao tempo, puido acontecer hai cincuenta anos ou nalgún outro bastante máis próximo a nós. A muller leva trazas de ir ou vir de compras na poboación maior da contorna inmediata, onde se cadra hai ese día unha feira ou mercado periódico e, se non, unha mediana rede de servizos comerciais. Preguntémoslle de onde vén ou a onde vai. “Veño da vila” ou “Vou á vila”, diranos seguramente. Poida que un anaco despois pase por onda nós o seu fillo. Leva o mesmo rumbo ou iso semella. Facémoslle a mesma pregunta e se cadra obtemos por resposta “Veño do pueblo” ou “Vou ao pueblo”. Pasa por último a neta, persoa estudada e ben disposta a prol do uso e promoción da lingua galega. Ao que lle fagamos a mesma pregunta, poida que ouzamos “Veño do pobo” ou “Vou ao pobo”.

Á primeira vista semella doado de entender o cambio lingüístico ao que asistimos en canto testemuñas desa sucesión das tres escenas. Podíase esperar que discorrésemos xa referíndonos á influencia da norma lingüística castelá sobre a galega, concretamente no que atinxe á estrutura do campo léxico das localidades de poboación. Mais a cuestión non é tan simple.

Para comezar, é moi diferente o significado da expresión castelá “voy al pueblo” usada por castelán falantes da Meseta do que esa mesma expresión ten, producida por falantes do castelán de Galicia. A voz pueblo toma nestes o significado de ‘localidade urbana e maior de poboación’. Pola contra, para un castelán falante orixinario significa, nese uso, ‘localidade menor de poboación’ ou ‘núcleo urbano de poboación do ámbito rural’. Por iso, para alén do Manzanal empregará esa expresión a persoa que procedente dunha cidade vai a unha poboación rural ou aquela que reside nun casal aillado no campo e se dirixe ao núcleo rural habitado próximo. O contrario, xustamente, do que entre nós e nalgunhas rexións de América. Por iso mesmo, “ser de pueblo” e “pueblerino” significan para eles exactamente o mesmo que para nós “ser de aldea “ e “aldeán”. Advírtase, sobre todo, a connotación negativa da palabra pueblo en castelán fronte á positiva que adquire en galego –coma o seu calco pobo–, precisamente por nelas se acubillar o significado autóctono da voz vila, ‘entidade maior de poboación”.

O fillo e a neta do conto expresan coas voces pueblo e pobo o mesmo contido ca a avoa coa voz vila. Ao tal faceren, desvíanse da norma castelá, malia as aparencias, e afástanse asemade da norma galega que chegou ata a avoa. Unha norma diferente, se alguén non o remedia, vai xurdir de condutas lingüísticas coma esas. Haberá que encartar e pasar; ou ben, se se lle ve algunha esperanza de trunfo, traballar pola volta á fala da avoa.

Alarguemos un pouco o tratamento do tema para vermos cal sería a estrutura ideal, en galego, do campo léxico ‘localidades de poboación’. A primeira e principal oposición establécese entre ‘entidades maiores de poboación’ fronte a ‘entidades menores de poboación’.

Ás primeiras corresponderían as voces cidade e vila. Tradicionalmente, non había oposición entre ambas e, no caso de que a houbese, o vocábulo vila operaba como termo non marcado da neutralización. “Vou á vila”, igual o dicía o veciño de San Pedro de Visma que baixaba á Coruña coma o de Lestrove que viña a Padrón. Hoxe advírtese a tendencia a diferenciar, polo menos na linguaxe administrativa e na sociolóxica. Cidades, habería só sete na Galicia actual: as cinco capitais e mais Vigo e Ferrol. Vilas, habería unha chea, desde as cidades antigas que quedaron pequenas ata os núcleos urbanos de máis 2000 habitantes, moitos dos cales son soamente “pueblos” na comprensión castelán do poboamento. Con exemplos entendémonos mellor. Xinzo de Limia ou Cambados son para os casteláns “pueblos” e máis nada; para nós son vilas e, se nos descoidamos, candidatas a cidades. E aínda podería aplicarse o nome de vila a calquera núcleo de poboamento agrupado, oposto a disperso ou espallado, por pequeno que sexa. Unha vila podía ser aldeá, outrora. Ben o testemuñan topónimos coma Vila de Arriba ou Vila de Abaixo, hoxe e sempre rueiros minimamente urbanizados. Ou aqueles versos de Cabanillas:

Vila morta, vila morta,
aldeana e mariñeira,
na que me criei! Que encanto
ten o pasado que encerras!

Para a denominación das ‘entidades menores de poboación’ as voces máis usadas son aldea e lugar. Sospeito que a segunda se introduciu, malia soar tan xenérica, por eufemismo, debido ás connotacións negativas da primeira. A cousa ten o seu aquel. Ambas semellan pouco axeitadas hoxe. Para nomear o ámbito aldeán ou campesiño, que é unha das acepcións máis frecuentes da voz aldea, acuñouse, fuxindo desta, a lexía medio rural. Quizais cumpriría, para denominar os pequenos núclesos de poboación rural, recorrer ao uso de voces case esquecidas ou pouco empregadas: coma rueiro, unha variante diatópica non moi estendida; vilar, fermosa variante diacrónica digna de ser resucitada como nome común, e casal, outro belo vocábulo de noso para asentamentos de unha, dúas ou poucas máis casas.

Non é preciso lembrar como cómpre evitar o emprego da voz pobo para a denominación de calquera tipo de entidade de poboación que sexa. No mesmo castelán, aínda que usual xa desde principios do século XV, non é orixinaria. Apunta Corominas que pueblo, nesta acepción, non provén de POPULU, senón que é un postverbal de cast. poblar. De por parte, entenderase por que enriba non se fixo referencia á palabra parroquia entre os lexemas de entidades de poboación. Se a considerásemos, sería como colectivo de aldea, vilar ou rueiro. Mais a súa acepción principal é outra, tamén en Galicia, como acontece coa voz concello ou, no antigo réxime, coa voz couto.

Sem comentários: